Pasar al contenido principal
STG

A axenda da USC co gallo do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia aposta por visibilizar referentes científicas femininas

O 11F naceu para acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas. FOTO: Santi Alvite
O 11F naceu para acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas. FOTO: Santi Alvite
Con motivo do 11F, a Universidade de Santiago de Compostela dá pulo a diversas actividades que ao longo do mes de febreiro poñen o foco na necesidade de espertar vocacións científicas entre as máis cativas

O Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, proclamado en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, alén de lograr a igualdade de xénero, conmemórase cada 11 de febreiro. A USC súmase a esta loita e, como cada ano, desenvolve unha axenda de actividades que arredor desta efeméride e a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, contribúen a outorgar visibilidade a estas reivindicacións.

CientifiQas

Así, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) únese este venres 9 ás reivindicacións deste 11F a través da actividade ‘CientifiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS’, encontro entre estudantado de bacharelato e investigadoras do centro para coñecer a investigación desenvolvida polas científicas que nel traballan. Dolores Pérez, directora adxunta do CiQUS, deu a benvida ao alumnado participante que puido acceder a diversas experiencias investigadoras con perspectiva de xénero, ademais de percorrer as instalacións.

Física de partículas

Pola súa parte, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, organizou tamén este venres 9 a V Masterclass Internacional de Física de Partículas, dirixida a alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia, co obxectivo de achegarlles a física ás estudantes inscritas, que puideron realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Fixérono a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartiron algunhas claves do seu traballo e amosaron referentes femininas para as futuras xeracións de investigadoras.

Química polo 11F

Co gallo do 11F, USC, o seu proxecto en colaboración co Instituto das Mulleres, Innovatia 8.3; e Bioga impulsan unha xornada de conferencias coas que amosar unha visión diferente das vocacións científicas para as nenas, ensinando como coa ciencia se poden crear empresas e bos lugares de traballo. As conferencias terán lugar o venres 16 de febreiro, a partir das 9.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química e estarán abertas ao público. No vestíbulo da Facultade instalaranse mesas con experimentos e tecnoloxías, resultados de investigación da USC, complementando o evento cun taller de empregabilidade.

Ultra-Violetas

Tamén no marco do 11F, o encontro Ultra-Violetas III 'Nesgos de xénero na educación' terá lugar este xoves  22 de febreiro na Aula Magna da Facultade de Física e contará coa charla introdutoria ‘Sexismo na ciencia ou a ciencia para o sexismo?’, a cargo da profesora Mónica Alzate da área de Psicoloxía Social da USC. A continuación desenvolverase unha mesa redonda na que varias expertas tratarán o tema dos nesgos de xénero nas aulas. A participación é de balde ata completar capacidade. A sesión está impulsada polo grupo de divulgación Luzada e dará comezo ás 19.30 horas.

Referentes CTEM

Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ é unha actividade desenvolvida no marco do convenio de colaboración, en materia de igualdade de xénero, entre o Concello de Santiago de Compostela e a USC para dar visibilidade ás enxeñeiras e científicas como referentes nas disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) coa realización de obradoiros dirixidos ao alumnado de primaria. A novena edición desta iniciativa xa está en marcha e contará coa participación dunha decena de centros e 13 obradoiros, ademais dos 59 que participan na modalidade virtual da iniciativa. Os talleres comezarán o vindeiro 16 de febreiro no CEIP Ramón Cabanillas coa actividade ‘Xogando coa luz’, impartida polas catedráticas Carmen Bao Varela e Mª Teresa Flores Arias da área de Óptica e a investigadora Ana Isabel Gómez Varela da USC.

A pesar da crecente presenza das mulleres no alumnado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. “A escasa presenza de mulleres nalgunhas titulacións do ámbito STEM non só prexudica as mulleres, reducindo ás súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, senón que afecta tamén os resultados das investigacións, a innovación e, polo tanto, a sociedade”, explican as promotoras da iniciativa. “As causas desta desigualdade son múltiples, entre elas a presenza de estereotipos de xénero e a falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía”, matizan.

‘Protagonistas, as enxeñeiras’

A axenda deste 11F botou a andar o pasado martes na Escola Politécnica de Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. A organización de obradoiros divulgativos sobre temáticas e disciplinas relacionadas cos títulos e grao e mestrado deste centro, no marco da iniciativa ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, promovida pola Comisión de Igualdade de Xénero, achegou as titulacións de carácter científico e tecnolóxico (STEM, nas súas siglas en inglés) ás rapazas que están a cursar estudos de ensino medio en centros educativos de Lugo. “A incorporación de máis mozas aos estudos de enxeñaría, tanto no que se refire a enxeñarías agrícolas e agroalimentarias, forestais e do medio natural, enxeñaría civil, enxeñaría de Montes, así como de calquera outra disciplina universitaria de carácter científico e tecnolóxico, antóllase como algo necesario para garantir que as mulleres gocen de presenza e sexa protagonista en situación de igualdade respecto dos homes na sociedade tecnolóxica que está por vir”, apuntan dende a organización da iniciativa. “Esta realidade aínda se fai máis urxente na actualidade en España, onde, alén da falta de referentes femininas, a porcentaxe de mulleres que están a completar estudos de enxeñaría e ou tecnoloxía apenas representa o 13%”, engaden.

Os obradoiros, en colaboración co Concello de Lugo, incluíron propostas de impresión 3D, voo de drons, novas pontes entre a enxeñaría e o cancro, ‘Micro Aliens contra pragas’, esqueleto de edificios, ciclo hidrolóxico, escaneado 3D dun bosque, desenvolvemento de produtos de madeira estrutural ou actividades arredor da velocidade. De participación libre e gratuítos en función das preferencias da mocidade, os obradoiros foron impartidos por persoal docente e investigador da EPS de Enxeñaría integramente feminino.

'Muller científica=bicho raro'

A profesora María Elena Vázquez Abal, catedrática da USC e investigadora vinculada do CITMAga, pronunciou o pasado mércores 7 o relatorio 'Muller científica=bicho raro' co que quixo dar visibilidade ao traballo das mulleres que se dedican á ciencia e á tecnoloxía co fin de crear referentes femininos para promover as vocacións científicas entre as máis cativas. De feito, este relatorio enmarcado dentro da axenda do 11F e que tivo lugar na Facultade de Matemáticas, dirixiuse a estudantado de ensino infantil, primario e secundario, alén do público universitario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.02.2024.