Pasar al contenido principal
STG

Os alicerces e as potencialidades de futuro da educación en Galicia, a análise nun ensaio editado pola USC

O profesor da USC Alexandre Sotelino é o coordinador do volume
O profesor da USC Alexandre Sotelino é o coordinador do volume
Setenta persoas expertas de múltiples ámbitos trazan retos e desafíos para asumir desde escolas, institutos, concellos, asociacións e entidades nos vindeiros anos

O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) acolleu este venres a presentación do libro A Educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir (Edicións USC), nun acto no que interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices Vieira; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez González, e o coordinador do libro e profesor da USC Alexandre Sotelino Losada, e ao que asistiron persoas involucradas en distintos ámbitos da educación e persoas interesadas en xeral.

A obra, coordinada polo profesor Alexandre Sotelino Losada e con prólogo da académica Marilar Aleixandre, presenta un panorama do eido educativo (non só do escolar) en Galicia. Nela, 70 persoas expertas de múltiples ámbitos trazan retos e desafíos para asumir desde escolas, concellos, institutos, asociacións e entidades nos vindeiros anos. A publicación é promovida polo Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e sitúase como un documento base sobre o que asentar os piares técnicos e epistémicos sobre os que asumir a singradura do século XXI.

O volume aborda a dimensión social da educación na Galicia actual e de futuro a través dos distintos niveis formativos que compoñen o sistema educativo galego, desde a etapa de Primaria ata a universidade. Nela analízase a inserción da educación na súa realidade territorial a través de aspectos como a pedagoxía medioambiental, o emprego das novas tecnoloxías ou a atención á diversidade e ás novas necesidades educativas.

A primeira parte titúlase ‘Educación e sociedade en Galicia. Particularidades e necesidades dun pobo’ e nesta hai espazo para a lembranza das escolas de ferrado, do legado educativo da emigración galega e de proxectos innovadores coma as escolas na natureza, para chega á actualidade dun sistema educativo que se enfronta a novos desafíos pedagóxicos e na que xogan un rol importante os institutos de Ciencias de Educación.

‘Ámbitos e niveis na educación galega. Potencialidades e limitacións’, a segunda parte, estuda polo miúdo os retos aos que se enfrontan a Educación Secundaria Obrigatoria, a Formación Profesional, as ensinanzas artísticas, o sistema universitario, a educación social ou os papeis que xogan a familia, a comunidade, a escola e as administracións locais neste eido. Finalmente, a terceira parte, ‘Sectores e contextos de intervención. Pensando no porvir de Galicia’, aborda polo miúdo temas coma a xestión educativa da diversidade cultural, a relación entre xénero e educación, a educación dixital, os xogos e deportes tradicionais ou o futuro da lingua e da literatura na educación galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2024.