Pasar al contenido principal
STG

Especialistas mundiais en psicoloxía investigativa e perfilación criminal reúnense nun congreso en Santiago

Cando navegamos polas redes estamos expostos a timos coma o phishing. FOTO: Santi Alvite
Cando navegamos polas redes estamos expostos a timos coma o phishing. FOTO: Santi Alvite
Expertos de renome coma David Canter ou David Walsh achegarán claves sobre a realización de entrevistas ou a análise dos espazos na Facultade de Psicoloxía

O uso de intelixencia artificial para mellorar as entrevistas forenses con vítimas infantís, as pegadas dixitais que deixan os traficantes de persoas ou as formas de afrontar as ciberagresións son algúns dos temas que se abordarán desde este mércores 12 ata o venres 14 de xuño na 19 Conferencia da Academia Internacional de Psicoloxía Investigativa (International Academy of Investigative Psichology), que terá lugar na Facultade de Psicoloxía compostelá.

A inauguración será este mércores ás 9.00 horas no Salón de Actos, coa presenza dos profesores David Walsh e mais David Canter. Nestas primeiras sesións, Walsh falará da entrevista de investigación e Canter referirase a como se elabora un perfil xeográfico e como se desenvolve a análise espacial. A inauguración oficial será ás 15.00 horas coa presenza de Donna Youngs, John Synnott e Paulo Barbora Marques, que estarán acompañados polo profesor de Dereito Penal e Criminoloxía da USC Gumersindo Guinarte, en representación do Instituto de Criminoloxía da Universidade compostelá.

A aplicación de novas tecnoloxías na investigación psicolóxica aplicada á loita contra o crime e o cibercrime e a actualización de métodos de investigación son algúns dos eixos deste encontro internacional no que se ofrecen conferencias plenarias, sesións de posters e sesións de traballo ao longo de tres días, nos que se presentarán novidades na abordaxe da violencia doméstica, a avaliación psicolóxica forense, a ciberviolencia e o ciberacoso ou os timos coñecidos como phishing, para ofrecer a mellor atención psicolóxica posible ás vítimas.

O venres terá lugar a partir das 13.30 horas a clausura oficial da Conferencia, pero entre as 14.00 e as 18.00 horas haberá aínda sesións prácticas. A primeira delas a cargo do profesor da Facultade de Psicoloxía compostelá Ramón Arce, que analizará a avaliación do dano psicolóxico aplicando técnicas forenses; Jodi Quas amosará as mellores prácticas nos interrogatorios a vítimas e testemuñas adolescentes e a última sesión estudará a violencia de xénero facilitada pola tecnoloxía, analizando o perfil de vítimas, a autoría e o feito criminal, a cargo de María José Garrido, Lidia Alonso Corona, Neus Mascaró Coll e Laura Sánchez Morón, da Secretaría de Estado de Seguridade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2024.