Pasar al contenido principal
STG

Verán CampUSC, conciliación lúdica e educativa en valores

O reitor charlou animadamente coa rapazada do Verán CampUSC. Foto: Santi Alvite
O reitor charlou animadamente coa rapazada do Verán CampUSC. Foto: Santi Alvite
Este programa pioneiro da Universidade de Santiago, que este venres visitou o reitor, pon a disposición da cidadanía as súas instalacións deportivas

Son cincocentos os rapaces e rapazas que nos meses de xuño, xullo e setembro pasarán polos espazos deportivos e de lecer da Universidade e percorrerán tamén outros lugares da cidade. Todas as sesións do Verán CampUSC, planificadas con criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero, teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira.

O programa, pioneiro no ámbito universitario, responde ao forte compromiso social da USC coa súa comunidade pero tamén coa propia cidadanía. Vai xa máis dunha década que a Universidade de Santiago desenvolve o Verán CampUSC, este ano dirixido a nenos e nenas nados entre 2011 e 2020, que están a gozar das instalacións universitarias con actividades lúdicas sempre cunha compoñente educativa en valores.

A rapazada que este venres xogaba no estadio de atletismo da USC recibiu a visita do reitor Antonio López, que estaba acompañado do delegado do Reitor para o Deporte, Javier Rico, da delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez, e do xerente da Fundación USC, Óscar Hermida. Alí puideron coñecer de primeira man o éxito da iniciativa que dirixe Anxo Tarrío e coordina Rocío Bulnes, tamén presentes.

Amplo abano de actividades
O núcleo máis importante de actividades ten unha importante base deportiva, dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais.

Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais ou obradoiros artísticos e potencien as súas aptitudes e capacidades así como xornadas orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas no entorno natural do propio campus e arredores.

O programa está organizado pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela e conta coa colaboración do concello compostelán.

Foto de grupo dos participantes co reitor e demais autoridades universitarias. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo dos participantes co reitor e demais autoridades universitarias. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.07.2024.