Pasar al contenido principal
STG

A investigación actual en epidemioloxía de augas residuais aplicada ao consumo de drogas, a debate en Química

A xornada sobre ‘Estimación do abuso de drogas’ é unha actividade gratuíta que se celebrará na Facultade de Química este xoves 16 aberta a estudantado universitario, persoal investigador ou docentes. Esta é unha xornada que organiza a Rede Española de Análises de Augas Residuais con Fins Epidemiolóxicos (ESAR-Net) e que coordina o profesor José Benito Quintana.

A xornada estrutúrase nunha primeira parte na que se exporá a problemática do abuso de drogas, seguida dunha presentación da investigación actual no campo da epidemioloxía das augas residuais, para terminar cunha mesa redonda para o intercambio de coñecemento entre diferentes disciplinas. Nela participarán poñentes do European Monitoring Centre for Drugs and Drug Addiction (EMCDDA), da Consellaría de Sanidade, do Consello Superior de Investigacións Científicas e das universidades Jaume I e de Santiago de Compostela.

O equipo de organización desta xornada considera que o consumo de drogas é un comportamento complexo, oculto e estigmatizado que resulta difícil de cuantificar. A análise de augas residuais para a determinación de produtos de excreción metabólica humana (epidemioloxía das augas residuais) “pode ofrecer datos obxectivos en tempo real sobre pautas xeográficas e temporais do abuso de sustancias e, combinado e integrado con outros métodos establecidos, pode ofrecer unha imaxe máis clara sobre esta problemática”, aclara o profesor José Benito Quintana.

A decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo Barrera, abrirá a xornada ás 9.00 horas e o profesor José Benito Quintana presentará o programa a desenvolver ao longo de toda a mañá. Deseguido, o catedrático do Servizo de Toxicoloxía Forense Manuel López Rivadulla referirase ao control do consumo de drogas en tráfico rodado e João Matias, do EMCDDA, ao abuso de sustancias en Europa. A partir das 11.05 horas, Iria González, do Departamento de Química Analítica da USC, revisa a situación actual e perspectivas de futuro das análises de augas residuais con fins epidemiolóxicos. Pola súa banda, Cristina Postigo, do Consello Superior de Investigacións Científicas, falará sobre a aplicación da análise de augas residuais en Cataluña, e Lubertus Bijlsma, da Universitat Jaume I, sobre as novas sustancias psicoactivas.

Para completar o programa, está prevista unha mesa redonda na aos relatores previos se lle sumará Jorge Suanzes da subidrección xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Consellaría de Sanidade.

ESAR-Net
ESAR-Net é unha rede científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade a través da convocatoria Redes de Excelencia 2016. Coordinado polo profesor e investigador do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da USC, a rede intégrana seis grupos de investigación españois co fin de contribuír ao avance científico da epidemioloxía de augas residuais en España e difundir o potencial desta ferramenta ás autoridades e entidades potencialmente interesadas e á sociedade en xeral.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2017.