Pasar al contenido principal
STG

Finaliza a nova sondaxe arqueolóxica no Corro dos Mouros co achado dun muro de contención exterior

Detalle do xacemento
Detalle do xacemento
Queda pendente para o mes de setembro a segunda fase da campaña deste ano que consistirá na realización da prospección xeofísica neste xacemento que ten a súa orixe no século XIII, continuando a súa ocupación nos séculos X e IX antes de Cristo
Lugo, Santiago de Compostela

A nova sondaxe arqueolóxica realizada no xacemento de Corro dos Mouros, en Santa María Madalena de Adai (Lugo), evidenciou a boa conservación do muro interno documentado na campaña do ano 2023, pero ademais permitiu constatar a existencia dun muro de contención exterior e un recheo de xabre entre eles de, polo menos, catro metros de anchura. Este xacemento, tamén chamado O Castrillón, sitúase a escasos oito quilómetros ao oeste da cidade de Lugo. En concreto, localízase no Monte de Penas do Caldeiro, en terreos que son propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Adai, Monte de Penas do Caldeiro, Travesa, Raiola, Pedrafita e Pedreiras. Trátase dun xacemento arqueolóxico tipo “roda”, que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 metros (N-S) e 30 metros (L-O) e unhas dimensións externas de 52 metros de diámetro.

O muro exterior achado estase a definir grazas ao seu derrubo sobre a pendente que accede ao foso de perfil en V e con dous chanzos que suavizan lixeiramente a devandita pendente, duns 7 metros de ancho e con arredor de 1,5 metros de altura. Baixo o derrubo, atopáronse numerosos fragmentos de cerámica de recipientes ben conservados, que poderían ter sido colocados no lugar. Confirmase, ao mesmo tempo, a existencia dunha coiraza de seixo colocada sobre o muro de contención de gran anchura, probablemente ocupando todo o muro perimetral, onde se romperon cantos rodados de diverso tamaño para ser colocados como cubrición. Ademais, os resultados de dúas mostras analizadas por carbono 14 sitúan a fase de construción deste xacemento arqueolóxico no século XIII antes de Cristo, continuando a súa ocupación no séculos X-IX antes de Cristo.

“Hai que ter en conta que este tipo de xacementos está nunha fase incipiente de investigación en Galicia xa que a día de hoxe só se coñecen un total de 13 na nosa comunidade a través das publicacións, e uns 50 detectados a través de prospección con LiDAR, pendentes de publicación, sendo aínda problemática a súa interpretación desde o punto de vista funcional e cronolóxico”, explica a profesora da USC, Pilar Prieto Martínez, directora da intervención e membro do grupo de investigación EcoPast e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Os estudos existentes, todos eles aínda preliminares, consideran que as rodas responden a un tipo de xacemento datado entre o Bronce Final e a primeira etapa da Idade do Ferro (Ferro I), —entre finais do segundo milenio e inicios do primeiro milenio antes de Cristo— cunha funcionalidade funerario-ritual xa que no interior dalgún deles se localizaron unha serie de enterramentos en fosa, aínda que existe outra liña de investigación que interpretan este tipo de sitios como de uso habitacional e doméstico, como posibles proto castros do Bronce Final.

Entre o 8 e o 24 de xullo desenvolvéronse os traballos de campo da primeira fase da campaña arqueolóxica deste ano 2024, que consistiu na roza do xacemento e da súa contorna inmediata e na realización da sondaxe arqueolóxica duns 32 metros de longo por 2 metros de ancho e que abrangueu todas as partes do xacemento (parapeto, foso, coiraza e interior do recinto). Queda pendente para o mes de setembro a segunda fase desta campaña do ano 2024 que consistirá na realización da prospección xeofísica.

No ano 2023 a Universidade de Santiago de Compostela comezou as investigacións neste xacemento a través da realización dunha sondaxe de 17x1,50 metros que permitiu definir tres estruturas perimetrais do xacemento: un parapeto parcialmente pétreo, un foso externo e unha coiraza pétrea. Tamén se exhumaron varias estruturas internas, así na zona máis afastada do parapeto documentouse un solo preparado enchido de xabre duns 20 centímetros de espesor e algunha estrutura illada (buracos de poste, gabia, fosa...) que demostran a existencia de actividades no sitio. Na zona anexa ao parapeto identificouse un solo orgánico sobre unha pedra plana de granito de gran tamaño, esta laxa foi colocada sobre un nivel de xabre preparado que á vez está cortado pola introdución dunha ola cerámica en posición vertical que foi datada polo C14 entre finais do século XIII e finais do século IX a.C. Os traballos contan co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2024.