Pasar al contenido principal

Este portal utiliza cookies propias o de terceros con fines analíticos, así como enlaces a portales de terceros para poder compartir contenido en las redes sociales. Puede obtener más información en la política de cookies.

STG

Unha investigación do IDEGA revela que máis da metade das empresarias e directivas galegas sofre estrés laboral

Imaxe creada por intelixencia artificial para ilustrar o artigo da investigación
Imaxe creada por intelixencia artificial para ilustrar o artigo da investigación
Unha enquisa a mulleres en postos de liderado revela unha alta prevalencia da síndrome de ‘burnout’ e outros trastornos do ánimo coma a ansiedade ou a falta de sono

Un estudo desenvolvido pola investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC Susana Martínez Rodríguez e o profesor da Universidade de Granada Manuel Ruiz Adame revela que máis da metade das mulleres empresarias e directivas galegas sofren estrés laboral, constatándose unha alta prevalencia da síndrome de burnout ou traballadoras queimadas e outros trastornos do ánimo.

O traballo parte unha enquisa realizada a 199 mulleres en postos de liderado, para obter datos sobre o estado de ánimo de empresarias e directivas en Galicia e a influencia deste no seu desempeño profesional. A media de idade das persoas que participaron é de 47.01 anos, casada no 52.6% de casos, e cunha media de 1.20 fillos. Son muller con ampla experiencia laboral e cun alto nivel de formación: a media no mercado laboral é de 19.57 anos, e con 9.91 anos no posto actual (empresaria ou directiva). Un 82.41% conta con formación universitaria.

Entre os principais achados tras a análise da información recollida está o feito de que máis do 50% das enquisadas reportan síntomas de esgotamento emocional, despersonalización e baixa realización persoal, xunto coa percepción de risco para a saúde vencellada ao traballo; isto ten un impacto claro na produtividade, de xeito que un 53,54% das empresarias e directivas non alcanza o rendemento laboral esperado, cunha redución media do 26,44%.

Como factores de risco que explican a alta prevalencia da síndrome de ‘burnout’, o estudo apunta a falta de conciliación entre vida laboral e persoal e a carencia de recursos adecuados. Descóbrese ademais a importancia dos trastornos do ánimo no desempeño da actividade laboral: a enquisa amosou que hai unha alta frecuencia de ansiedade e outros trastornos do ánimo, como as dificultades no sono, que impactan na concentración e na toma de decisións.

Entre os signos de tipo ansioso, predominan nas mulleres enquisadas as dificultades para relaxarse, sentirse preocupadas e excitadas; estes signos están presentes en máis do 70% da mostra, ademais das alteracións do sono. Entre os de tipo depresivo son frecuentes os relativos á percepción de pouca enerxía. Todas estas alteracións vincúlanse coa diminución de produtividade.

Como contrapeso a eses factores de risco, a enquisa mostrou a importancia da resiliencia, pois a pesar dos desafíos, as enquisadas mostran unha alta capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa e un compromiso firme coa súa contorna laboral, aínda que descoidan as súas necesidades persoais.

Susana Martínez, quen ademais de investigadora do IDEGA é catedrática da Universidade de Murcia, considera que esta investigación “subliña a urxente necesidade de abordar o burnout e os trastornos do ánimo nas mulleres líderes de Galicia para fomentar unha contorna laboral máis saudable e produtiva· unha peza clave do armazón empresarial”. A profesora Martínez atópase no IDEGA da USC como beneficiaria do Programa para a Recualificación do Sistema Universitario Español.

A investigadora Susana Martínez Rodríguez
A investigadora Susana Martínez Rodríguez
Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2024.