Pasar al contenido principal
STG

Unha mesa redonda en Filoloxía celebra os 20 anos de Lectorado Brasileiro na Facultade de Filoloxía

Este curso académico cómprense dúas décadas da existencia de Lector/a Brasileiro/a no Departamento de Filoloxía Galega da Facultade. Con este motivo, este martes 21 terá lugar unha mesa redonda na que se dará conta dos 20 anos deste Lectorado, que sitúa a USC en punto de referencia para os Estudos Lusófonos internacionalmente.

​A aposta do núcleo de profesorado de portugués da USC por esta representación brasileira –pioneira no Estado- veu complementar a portuguesa, que se iniciou na década de 1930 asegurada polo Camões. Instituto da Cooperação e da Língua, e conviviu, ao longo de seis anos, coa presenza dun Lector dos Países Africanos de Lingua Portuguesa.

Entre as funcións a desenvolver no ámbito do Lectorado Brasileiro, ademais do apoio á docencia de materias de lingua, literatura e cultura, atópase a promoción e organización de actividades de difusión cultural do Brasil en colaboración cos integrantes do Núcleo de Portugués e, de modo mais específico, con quen traballa nesa área de estudo.

A mesa redonda ‘O Brasil na USC: 20 anos de Leitorado Brasileiro na Faculdade de Filologia’ terá lugar ás 11:00 horas na sala C03 de Filoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2017.