Pasar al contenido principal
STG

Sergio Martínez, de Eloqüencia, abre os obradoiros de competencias profesionais de Empréga-T este martes na Facultade de Ade

O programa de potenciación do talento universitario continuará ata o xoves con novas sesión na Aula Yuzz de Lugo e rematará os días 28 e 29 con laboratorios de emprego

O socio fundador da escola de oratoria Eloqüencia Santiago Martínez abre este martes, ás 10.00 horas, na Aula Yuzz da Facultade de Administración e Dirección de empresas (Ade) de Lugo, os obradoiros formativos do programa formativo para o desenvolvemento de competencias profesionais entre o estudantado universitario coa sesión ‘Comuníca-T’. As persoas participantes nesta actividade traballarán diversas competencias individuais: falar en público, liderado, estratexia, consecución de obxectivos, argumentación, elaboración de discurso, empatía, concentración, xestión do tempo, elaboración de discurso…

O programa Empréga-T, a través do que se pretende crear un espazo de encontro entre o alumnado e o tecido empresarial, a fin de mellorar así a súa empregabilidade e impulsar o seu potencial emprendedor, continuará en quenda de tarde, a partir das 16.00 horas, coa sesión ‘Vénde-T’. A relatora encargada de impartir esta sesión, na que se tratará a superación proveitosa dos filtros iniciais establecidos polas empresas de selección e departamentos de recursos humanos, será Alejandra Mosteiro, socia de Extend Recursos Humanos SLL.

A Aula Yuzz da Facultade de Ade acollerá o mércores, de 10.00 a 14.00 horas, o obradoiro ‘ Coñéce-T’, no marco do que Javier Cebreiro, socio do espazo de innovación social Impact Hub, afondará sobre os procesos de busca de emprego, ao tempo que presentará algunhas ferramentas para adecuar as candidaturas aos perfís profesionais demandados.

As sesións formativas do programa ‘Empréga-T’ Terán continuidade o xoves 23, en quenda de mañá, coa acción ‘Diferéncia-T’. Carolina Lodeiro, socia fundadora de Wayna Consultora SL, será a encargada de guiar este seminario, que pretende axudar a desenvolver as chamadas habilidades brandas: creatividade, imaxinación, innovación… para a resolución con éxito de problemas. O obradoiro ‘Lánza-T’, programado en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, servirá de colofón deste proceso formativo. A xerente de IN¬S Comunicación e Innovación Sostible, Tamara Rodríguez Silva, será a relatora desta sesión, a través da que se busca achegar o emprendemento empresarial ao alumnado.

O programa ‘Empréga-T potencia o teu talento’ rematará os días 28 e 29 de setembro no vestíbulo da Facultade de Ade de Lugo, que acubillará o laboratorio de emprego ‘Adéstra-T’. Esta actividade, que se desenvolverá cada un dos días en quenda de mañá e tarde, consiste nun percorrido que simula o proceso de busca de emprego e selección de persoal dunha empresa. Este circuíto, cunha duración aproximada de dúas horas para cada participantes, permite ao alumnado un adestramento persoal e individualizado ao longo de cinco etapas.

Estruturado nun total de 25 horas formativas, o programa Empréga-T ten recoñecemento académico para todas as titulacións da USC e permitirá acadar un crédito ECTS optativo. As persoas interesadas en participar nesta edición do Empréga-T aínda poden formalizar a súa inscrición este luns a través do enderezo electrónico www.empregate.usc.es.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2017.