Pasar al contenido principal
STG

Elsa Martínez pon en valor cos seus retratos o labor de actrices, pintoras, escultoras e escritoras de todo o mundo

Dúas visitantes contemplan dous dos retratos da mostra. FOTO: Santi Alvite
Dúas visitantes contemplan dous dos retratos da mostra. FOTO: Santi Alvite
O Colexio de Fonseca acolle a mostra ‘Miradas. Mulleres na arte’, na que atopamos representadas desde Rosalía ata Virginia Woolf, e desde Maruja Mallo a Frida Kahlo

Como unha “proposta moi orixinal en canto a técnica e moi interesante en canto a temática” cualificou a Vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, a exposición de 41 obras da pintora e profesora Elsa Martínez, inaugurada este xoves e que se pode ver ata o 31 de outubro co título ‘Miradas. Mulleres na arte’ no Claustro Alto do Colexio de Fonseca.

“Como profesora, vin que había pouca información de mulleres artistas, só das máis mediáticas, coma Frida Kahlo, e quixen facer unha reflexión sobre as mulleres artistas, hai que lembrar que antigamente non podían ir ás academias e non contaban con apoio ou medios económicos, e a maneira que tiñan de acceder ao mundo da tarde era como musas ou modelos de pintores”, explica a artista.

Elsa Martínez lembrou o caso de Suzanne Valadon, de orixe humilde, e que empezou sendo musa de Toulouse-Lautrec e que logo se converteu ela mesma en artista, sendo unha das pioneiras en pintar mulleres núas no século XIX, pois ata entón soamente foran pintadas por homes. Ou Clementine Hunter, escrava nunha plantación nos Estados Unidos, que comezou a pintar con 50 anos e de xeito intuitivo, pintando a vida doméstica e facendo auténticos documentos sociais.

Así, a exposición busca homenaxear mulleres que destacaron no mundo da arte e tamén aquelas que quedaron no anonimato, pois tal como indica a artista “as mulleres eran musas e inspiración de obras, pero moi poucas asinaban as súas creacións. Aínda así, moitas delas lograron importantes contribucións no mundo da arte a pesar de que foron esquecidas con posterioridade”.

A mostra recolle 41 retratos de mulleres pintoras, escultoras, escritoras e actrices que desenvolveron as súas obras entre o século XVI e o XX. Estes retratos foron realizados pola artista empregando diferentes técnicas: acrílico, collage, lapis, acuarela e plastilina, utilizada de xeito persoal como técnica pictórica e tratada de xeito que permaneza inalterable co paso do tempo. E cada obra ten á beira un código QR co que é posible obter máis información sobre a artista representada.

"En todo momento tratouse de captar a mirada das artistas, procurando que a esencia de cada unha delas permaneza indeleble no tempo", sinala a pintora, quen lembra que “a presenza das mulleres na cultura é fundamental para que esta sexa diversa e que reflicta os diferentes puntos de vista da realidade na que vivimos”.

As galegas Maruja Mallo, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán son algunhas das artistas que protagonizan esta mostra, canda nomes coñecidos internacionalmente coma os Sofonisba Anguissola, Camille Claudel, Daphne du Maurier, Leonora Carrington, Gerda Wegener, Frida Kahlo, Pier Angeli ou Virginia Woolf.

A exposición estará aberta ata o xoves 31 de outubro e poderá verse en horario de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. O acceso é libre e de balde.

A pintora Elsa Martínez, esquerda, conversa coa vicerreitora Pilar Murias ante o retrato de Rosalía. FOTO: Santi Alvite
A pintora Elsa Martínez, esquerda, conversa coa vicerreitora Pilar Murias ante o retrato de Rosalía. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.09.2024.