Pasar al contenido principal
STG

Xornadas en Santiago e Lugo para previr e sensibilizar na violencia sexual na mocidade

Xornadas en Santiago e Lugo para previr e sensibilizar na violencia sexual na mocidade
Xornadas en Santiago e Lugo para previr e sensibilizar na violencia sexual na mocidade

Continuando cos actos de sensibilización enmarcados no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Universidade de Santiago colabora coa Secretaría Xeral da Igualdade no desenvolvemento dunha Xornada de prevención e sensibilización da violencia sexual na mocidade.

Trátase dunha actividade organizada coas tres universidades galegas que percorrerá os sete campus e que chegará á USC o 28 de novembro, cando teña lugar a xornada no Campus de Lugo, concretamente na Facultade de Formación do Profesorado. En Santiago o encontro será o día 30 na facultade de Medicina. En ambos os dous participará profesorado da USC como a catedrática de Toxicoloxía Angelines Cruz Landeira, que pronunciará en ambos campus a conferencia ‘Abusos sexuais mediado por submisión química’; ou en Compostela o profesor de Socioloxía Jorge García Marín, que falará en Santiago da socialización en identidades masculinas agresivas ao servizo da cultura da violación, e Alicia Villalba sobre o acoso laboral.

Intenso programa de actividades
Estas xornadas súmanse a un extenso programa de actividades e accións na USC arredor da violencia machista e cuxo acto oficial terá lugar o 27 de novembro en San Xerome, no que ademais de entregarse os premios dos certames de fotografía Ruth Matilda Anderson , á Introdución da Perspectiva de Xénero e de Lemas contra a Violencia de Xénero, terá lugar a lectura dunha declaración institucional de rexeitamento á violencia de xénero .

A maiores, a biblioteca da Facultade de ciencias da Comunicación súmase a esta conmemoración cunha mostra dos seus fondos para toda a comunidade universitaria a fin de salientar a importancia da imaxe en relación a violencia de xénero.

Tamén como protesta contra esta lacra que afecta a toda a sociedade o alumnado de Socioloxía da Educación ten prevista para o 1 de decembro a Iniciativa 100MP=10Px10M (100 Minutos para Pensar= 10 Performances /10 minutos). Con ela, as futuras mestras e mestres pretenden lanzar un manifesto de 100 minutos en distintas prazas e rúas de Compostela.

Paralelamente a todas as actividades, a Universidade de Santiago colabora coa campaña de sensibilización ‘Compostela, en Negro que puxo en marcha en 2015 o Concello de Santiago e que hoxe chega a dezaseis concellos más, entre eles o de Lugo. Así, distribuíuse diverso material gráfico que ao longo destes días tinguirá de negro a USC en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2017.