Pasar al contenido principal
STG

A USC e o Consello Galego de Relacións Laborais organizan un curso de formación para actualizar cuestións referidas ao Dereito do traballo

O reitor e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, na sinatura do acordo. Foto: Santi Alvite
O reitor e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, na sinatura do acordo. Foto: Santi Alvite
O reitor da USC e a presidenta do Consello asinaron esta mañá o convenio de colaboración para o desenvolvemento deste curso que comezará o día 23

Conscientes da demanda social no ámbito do dereito do traballo e das permanentes transformacións lexislativas no desenvolvemento das relacións laborais, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Galego de Relacións Laborais acordaron colaborar na primeira edición dun curso de formación específica que profundará nos conceptos de negociación colectiva, tempo de traballo, emprego público, plans de igualdade, discriminación no ámbito laboral e nas adaptacións do Dereito do traballo español ao Dereito da Unión Europea.

A colaboración para a realización do Curso de formación específica ‘Temas actuais de Dereito do Traballo’, que supón unha achega económica á USC por parte do Consello Galego de Relacións Laborais, foi rubricada este martes no Colexio de San Xerome polo reitor Antonio López e pola presidenta do Consello, Antía Sández Callejo. A dirección do curso corresponderalle ao catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC Javier Gárate Castro, con Lidia Gil Otero como codirectora.

O curso, a desenvolver na Facultade de Dereito entre o 23 de outubro e o 28 de novembro a razón dunha tarde por semana, diríxese a estudantes e persoas tituladas en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias económicas e empresariais e Administración e dirección de empresas, ademais de responsables de recursos humanos, de prevención de riscos laborais, de relacións laborais, asesorías e cadros das organizacións sindicais e empresariais.

Establécese un límite máximo de 40 participantes, que serán seleccionados pola dirección do curso, dos que polo menos vinte serán propostos polo Consello Galego de Relacións Laborais a quen pagarán os 30 euros do importe da matrícula. A preinscrición remata o 3 de outubro, a partir da cal se abre o prazo de matrícula.

Claustro de docentes
Entre as persoas que formarán parte do claustro docente do curso figuran a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e presidenta honoraria do Tribunal Constitucional, Mª. Emilia Casas Baamonde; o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e Maxistrado da Sala do social do Tribunal Supremo, Ignacio García-Perrote Escartín; o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e presidente da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, Jesús Cruz Villalón;  os catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Eduardo Rojo Torrecilla, Susana Rodríguez Escanciano e Patricia Nieto Rojas; así como os docentes de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Yolanda Maneiro Vázquez e José María Miranda Boto.
 

Representantes da Facultade de Dereito e do Consello de Relacións Laborais, en San Xerome. Foto: Santi Alvite
Representantes da Facultade de Dereito e do Consello de Relacións Laborais, en San Xerome. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2024.