Pasar al contenido principal
STG

Chegan novidades a Empréga-T, que comeza a desenvolverse en Lugo

Inatantánea dunha das actividades do programa
Inatantánea dunha das actividades do programa

Co mes de novembro chegan novas experiencias do programa formativo Empréga-T para o desenvolvemento de competencias profesionais. Así, á vez que as actividades dan comezo no Campus de Lugo, en Compostela quedan por desenvolver o seminario Posicióna-T, o afamado circuíto Adéstra-T e a novidade deste ano: catro sesións afterschool.

O programa, para o que é preciso inscribirse e que ten recoñecido 1 crédito ECTS optativo, converte a USC nun espazo de aprendizaxe para a mellora da empregabilidade e o desenvolvemento do potencial emprendedor. As actividades pretenden ofrecer unha formación complementaria aos estudantes nas denominadas competencias brandas, habilidades persoais, sociais e directivas, co fin último de mellorar as súas competencias profesionais de cara a afrontar o seu futuro laboral.

Aprender fóra das aulas

Este ano ponse en marcha en Compostela o novo bloque ‘Relacióna-T: Universidade na rúa’, con eventos fóra das aulas para seguir aprendendo nun ambiente máis relaxado e animado. Serán catro eventos –os días 8, 15, 22 e 30– nos que os participantes poderán relacionarse con persoas emprendedoras de diferentes sectores que impartirán pílulas formativas e compartirán a súa experiencia.

Así, a primeira afterschool xirará en torno ao emprendemento no sector cultural, coa participación de Pablo Castiñeira, de Vella Escola. Xa a segunda, sobre emprendemento social, correrá a cargo de Jesús González, da app Tapper para reducir o desperdicio alimentario, e Marcos López, de 3DAcoustic, empresa que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D. O adestrador do Obradoiro CAB, Moncho Fernández, será o relator do terceiro destes encontros, que finalizarán o día cunha dinámica de networking.

Simulación dun proceso real

Ademais do seminario do martes 7 en Santiago sobre recursos innovadores na busca de emprego en internet, a mediados de mes terá lugar no vestíbulo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o Adéstra-T, un circuíto de adestramento persoal no que se simulará un proceso de selección real.

Campus de Lugo

O programa Empréga-T, ideado como un espazo de aprendizaxe para a mellora da capacitación profesional, a empregabilidade e o desenvolvemento do potencial emprendedor, comeza este luns 6 de novembro a súa andaina no Campus Terra da USC cunha xornada de presentación, que se desenvolverá a partir das 10.00 horas, no salón de graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas baixo o título ‘Entéra-T’

A decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, abrirá esta acción formativa nunha sesión na que dará a coñecer ao estudantado presente as características deste programa orientado a potenciar o talento emprendedor e que está estruturado en seis seminarios, que se celebrarán ao longo do mes de novembro. Unha vez rematada a intervención de Begoña Barreiro, técnicos da Área de Orientación Laboral e Emprego e da Oficina de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC no Campus Terra, farán unha presentación dos seus respectivos departamentos, así como dos servizos que ofrecen aos usuarios.

Esta primeira sesión de Empréga-T terá continuidade na sede universitaria luguesa ao longo do mes de novembro coa celebración doutros cinco seminarios, a través dos que se pretende ofrecer unha formación complementaria aos estudantes nas denominadas competencias brandas, habilidades persoais, sociais e directivas, co fin último de mellorar as súas competencias profesionais de cara a afrontar o seu futuro laboral.

De feito, Empréga-T contempla no Campus Terra da USC un bloque dedicado á formación, seguido doutros cinco seminarios e obradoiros sobre comunicación, autocoñecemento, posicionamento, prácticas e emprendemento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.11.2017.