Pasar al contenido principal
STG

Un manual elaborado na USC, nova referencia para as investigacións internacionais sobre lingüística galega

A publicación recolle investigacións actualizadas realizadas desde o Instituto da Lingua Galega e a USC, entre outras. FOTO: Santi Alvite
A publicación recolle investigacións actualizadas realizadas desde o Instituto da Lingua Galega e a USC, entre outras. FOTO: Santi Alvite
A editorial alemá De Gruyter publica o volume ‘Manual of Galician Linguistics’, coordinado polos profesores Xulio Sousa e Ernesto González Seoane

A editorial alemá De Gruyter acaba de publicar o Manual of Galician Linguistics, coordinado polos profesores da USC Xulio Sousa e Ernesto González Seoane, do Instituto da Lingua Galega. Este volume está concibido para servir como traballo de referencia fundamental para o estudo da lingua galega e para iso colaboraron nel especialistas de distintas universidades, que elaboraron contribucións actualizadas sobre os aspectos fundamentais da investigación sobre o idioma galego e a lingüística galega.

Os editores organizaron os contidos seguindo a tradición das obras de referencia sobre a descrición e estudo das linguas románicas. Contén 24 capítulos que mostran unha presentación detallada do estado da arte nas principais subdisciplinas da lingüística galega e unha caracterización completa da variedade románica falada no noroeste da Península Ibérica. Os temas son tratados de forma clara e rigorosa para que se poida obter a información fundamental para emprender estudos máis profundos.

O contido do libro inclúe descricións diacrónicas e sincrónicas de todas as áreas principais de estrutura de lingua (fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe e lexicoloxía), así como información sobre variación social e rexional, contacto entre linguas e outras áreas interesantes para a investigación lingüística.

Baseado na teoría lingüística moderna, este manual, segundo a web de De Gruyter, “será unha ferramenta investigadora esencial para estudantes e investigadores que teñen interese na lingua galega e en lingüística romance”. A obra forma parte da colección de manuais de lingüística románica, dirixida polos profesores Günter Holtus, da Göttingen Universität, e Fernando Sánchez-Miret, da Universidade de Salamanca.
 

Portada do volume
Portada do volume
Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2024.