Pasar al contenido principal
STG

O profesor Ramón Martínez Pacheco presenta o seu libro Tratado de Tecnología Farmacéutica

O catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e académico de número da Academia de Farmacia de Galicia, Ramón Martínez Pacheco, presenta este mércores 8 o seu libro Tratado de Tecnología Farmacéutica. O acto será ás 19.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia.

Composta de 3 volumes, a obra foi publicada recentemente pola Editorial Síntesis e diríxese a alumnado de Tecnoloxía Farmacéutica así como a profesionais da materia.

O primeiro volume, dedicado aos sistemas farmacéuticos, describe os conceptos básicos e a terminoloxía habitualmente empregada nesta disciplina e detalla os criterios actuais para o deseño das formas de dosificación de medicamentos. Ademais, dáse conta do espectacular desenvolvemento que experimentou a tecnoloxía farmacéutica desde os anos 60-70 do século pasado. Neste volume preséntanse tamén as propiedades dos sistemas farmacéuticos (sólidos pulverulentos e sistemas dispersos), que constitúen a base das principais formas de dosificación, e o concepto actual de estabilidade, propiedade fundamental dos sistemas farmacéuticos.

O volume segundo céntrase na descrición das operacións básicas, como pulverización, mesturado e aglomeración de partículas sólidas, micro e nanoencapsulación, desecación e liofilización, filtración, esterilización e obtención de auga de usos farmacéuticos, que forman parte dos procesos de elaboración das principais formas de dosificación.

Xa no terceiro expóñense as características das distintas formas de dosificación, en cuxo deseño, elaboración e avaliación se centran os contidos vertebrais da tecnoloxía farmacéutica. Para a súa clasificación empregouse como criterio a vía de administración á que se destinan. Pola importancia e a diversidade das formas de dosificación de administración oral, estas distribuíronse en tres capítulos en función do seu estado físico (sólidas e líquidas) e dos perfís de cesión de fármaco (inmediata e modificada). Un capítulo especial é o destinado a describir as liñas de desenvolvemento que, previsiblemente, seguirá a tecnoloxía farmacéutica nos próximos anos. O volume complétase cuns capítulos dedicados a presentar as características dos correctivos organolépticos, os envases, os fundamentos do concepto actual de calidade e os procedementos aplicados para garantila.

O autor
O campo de actividade do profesor Ramón Martínez Pacheco céntrase no deseño e avaliación tecnolóxica e biofarmacéutica de formas de dosificación de medicamentos, así como nos distintos aspectos relacionados coa problemática do desenvolvemento galénico. Participou en máis dunha vintena de proxectos de investigación competitivos financiados por organismos públicos e en numerosos contratos de I+D así como na elaboración de informes técnicos por encargo de distintas industrias farmacéuticas.

Director de 15 teses doutorais e máis de trinta tesiñas de licenciatura, é autor duns 150 artigos de investigación publicados, na súa maior parte, en revistas internacionais de Tecnoloxía Farmacéutica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2017.