O catedrático Carlos Acuña Fariña, premiado pola Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos
O catedrático de Filoloxía Inglesa e membro do Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) recibiu o Premio de Investigación 2024 en Lingüística Inglesa ‘Leocadio Martín Migorance’ polo seu libro Syntactic Processing. An Overview, editado por Routledge. O galardón que concede a Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos (AEDEAN) entregouse en Sevilla no transcurso do 47 AEDEAN Conference.
Os Premios de Investigación de AEDEAN recoñecen aqueles traballos que contribúan de forma destacada ao avance teórico e metodolóxico no ámbito dos estudos lingüísticos. O volume premiado aborda as estruturas, os temas e as principais teorías do procesamento sintáctico dos últimos 40 anos e faino accesible tanto para lingüistas teóricos como para psicólogos experimentais.
O libro polo que foi premiado Carlos Acuña Fariña vincula cuestións lingüisticamente relevantes coas principais teorías psicolingüísticas. Céntrase fundamentalmente no procesamento dos fenómenos gramaticais de adxunción, concordancia e gap-filling e analiza a relación entre gramáticas e parsers. Tamén se explican as diferentes metodoloxías de procesamento oracional, como o seguimento ocular e a electroencefalografía.
Carlos Acuña
A actividade investigadora do catedrático da USC Carlos Acuña Fariña iniciouse con investigación en lingüística teórica (sintaxe). Pronto, con todo, iniciou a súa actividade como psicolingüista e comezou a traballar estreitamente con psicólogos experimentais no ámbito do procesamento sintáctico, do que é un experto. A súa investigación neste campo recorre ás metodoloxías de lectura auto-administrada (self-paced reading), rastrexo ocular (eye-tracking) e potenciais electrofisióloxicos asociados a eventos (ERPs).
Dirixiu numerosos proxectos de investigación do plan nacional nos últimos vinte anos, e ten así mesmo unha ampla experiencia na xestión e avaliación da actividade académica e investigadora realizada no sistema universitario español, labor que desenvolve tanto desde a súa colaboración con axencias nacionais, como Aneca ou a Axencia Nacional de Investigación, como de diversas axencias rexionais ás que vén asesorando no últimos quince anos.