Pasar al contenido principal
STG

O IDEGA impulsa a creación dun grupo de especialistas para abordar os desafíos xurídicos, económicos, sociais e ambientais da ordenación do litoral

A xestión integral de zonas costeiras e a economía da enerxía e do cambio climático son áreas estratéxicas do grupo
A xestión integral de zonas costeiras e a economía da enerxía e do cambio climático son áreas estratéxicas do grupo
A xestión integral de zonas costeiras e a economía da enerxía e do cambio climático, con especial atención á eólica mariña, están entre as principais liñas estratéxicas de traballo

Investigadores e investigadoras do ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas veñen de constituír na Universidade de Santiago o Núcleo de Estudos do Litoral (NEAL). Este agrupamento de especialistas, adscrito ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, nace co obxectivo de construír un novo marco de colaboración e traballo interdisciplinario para abordar os desafíos aos que se enfronta a ordenación do litoral en Galicia. Dá os seus primeiros pasos coa vocación de integrar equipos de intereses similares a escala galega, estatal e internacional.

As persoas que impulsan esta iniciativa forman parte de catro grupos de investigación adscritos ao IDEGA. Son Luís Miguez Macho, do Grupo Empresa e Administración; Rosa María Regueiro Ferreira e Marisa Chas Amil, do Grupo Bioeconomía - Economía ecolóxica e dos recursos naturais; Gonzalo Rodríguez, do Grupo Ecopesca - Economía Pesqueira e Recursos Naturais; e Ángeles Piñeiro e Rubén C. Lois, do Grupo ANTE - Análise territorial. O NEAL quedará aberto en adiante a todas as persoas que desenvolven o seu labor científico no IDEGA.

As liñas de investigación nas que os investigadores do NEAL están a traballar, e que sen dúbida se beneficiarán desta colaboración científica, son a ordenación do litoral, a xestión integral de zonas costeiras e a economía da enerxía e do cambio climático, con especial atención á enerxía eólica mariña. Outras áreas estratéxicas están centradas no deseño de metodoloxías de análise dos efectos económicos das políticas públicas a escala territorial e no estudo dos desafíos do desenvolvemento sustentable das comunidades dependentes do sector pesqueiro.

Na tarefa que o NEAL ten por diante conflúen obxectivos ambientais, sociais e económicos e a aposta nunha abordaxe singular para facerlle fronte á fragmentación competencial entre diferentes administracións. A colaboración entre persoal investigador de diferentes disciplinas ten como meta final a información de políticas públicas clave na nosa rexión e que teñen grande efecto sobre o benestar da sociedade, así como o asesoramento a institucións publicas de ámbito autonómico e local. A recente Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, e o seu necesario desenvolvemento futuro conecta a misión do NEAL coas necesidades da sociedade galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.11.2024.