Pasar al contenido principal
STG

A USC aproba os maiores orzamentos do mandato do reitor Antonio López: 328 millóns para 2025

Instante da votación das Liñas Xerais do Orzamento para 2025. Foto: Santi Alvite
Instante da votación das Liñas Xerais do Orzamento para 2025. Foto: Santi Alvite
Estes últimos orzamentos do mandato do actual reitor poñen o foco na necesidade de consolidar as estruturas de investigación e a capacidade de captación de fondos ante a inminente finalización do programa NextGeneration. Os orzamentos apostan por unha Universidade desburocratizada centrada no estudantado, máis sustentable, sostible e eficiente enerxeticamente

As liñas xerais dos Orzamento para 2025 foron aprobadas co rotundo apoio dun Claustro que, cun resultado de 99 votos a favor, 8 abstencións e a oposición dun só claustral, buscan impulsar a USC no ano 2025 co apoio do maior orzamento da súa historia, 328 millóns de euros.

O documento hoxe debatido e aprobado no Claustro Universitario chama a “mirar ao futuro e pensar no punto de confluencia entre a docencia, a investigación e transferencia e a extensión universitaria: todas son funcións que serven para captar recursos e soster as actividades que a institución leva a cabo”, en palabras de Antonio López.

As accións que se propoñen para 2025 teñen como fin “rematar o ciclo iniciado en 2019”, especialmente co relacionado coa consolidación das políticas de axuda ao estudantado, a execución dos plans de persoal, a creación de estruturas de investigación, a plena integración en EUniWell, a consolidación do proceso de descentralización da investigación e a consolidación da colaboración institucional. Como sinalan as Liñas, “non basta con pechar un ciclo, porque a institución permanece aínda que muden os responsables. A lealdade institucional obriga a establecer con accións concretas as bases para un futuro máis próspero da USC”. Estas bases non poden comprometer “políticas concretas pero deben acadar o consenso suficiente para dotar de estabilidade á institución”, explicou o xerente da USC, Javier Ferreira.

As liñas xerais aprobadas hoxe contemplan un orzamento total de 328.336.993 euros, que supón un incremento do 4,42% con respecto ao exercicio anterior e que é tamén superior ao que se produce no Plan Galego de Financiamento Universitario, que acada o 3,8% no conxunto dos fondos que o compoñen. Con estas cifras, é de salientar o incremento de arredor de 96 millóns de euros dos Orzamentos da USC con respecto ao ano 2018. O límite de gasto non financeiro da USC para o exercicio 2025 quedou establecido en 327.716.754,14 millóns de euros nunha votación apoiada por 120 votos a favor, con 25 en branco e 2 en contra.

Ideas clave que sentan as bases do Orzamento
Partindo destas premisas, as Liñas xerais de Orzamento fundaméntanse nunhas bases que xiran arredor de 6 ideas, comezando pola autosuficiencia e eficiencia, o que quere dicir investir en enerxías renovables que permitan aforrar no capítulo II, xestión a través da Fundación USC que permita xerar menor custo, aumentar a xeración de custos indirectos mediante a captación de recursos e incrementar os créditos matriculados en titulacións oficiais. A segunda liña pivota sobre a captación de estudantado, o que pasa por mellorar a proxección social da Universidade e aumentar a internacionalización, e a terceira sobre a atención ás necesidades dos e das estudantes, focalizada sobre todo na urxencia de vivenda e recursos habitacionais.

Consolidar a investigación e as súas estruturas e incrementar a transferencia e o emprendemento é outra das liñas clave, á que hai que lle sumar o fortalecemento das relacións coa contorna para conseguir apoios e colaboración doutras entidades e administracións. A sexta urxe desburocratizar a xestión e introducir flexibilidade na xestión dos procedementos, especialmente nos que afectan ao estudantado e á investigación.

Para cumprir con todo o anterior, o documento formula catro liñas estratéxicas e dúas instrumentais para o 2025, que entroncan directamente cos eixos estratéxicos da Programación Plurianual da que falou o reitor compostelán. As primeiras pivotan en torno ás persoas -no que destacan como principais actuacións as axudas ao estudantado en situación de vulnerabilidade, a contratación de persoal e a promoción da vida saudable-, a docencia e a internacionalización, a investigación e a transferencia e o emprendemento. As segundas, sobre a transformación dixital e a mellora de ferramentas de xestión e os medios precisos para acadar os obxectivos previstos, entre os que sobresaen accións relacionadas coa docencia, a eficiencia enerxética ou o mantemento dos campus.

Informe do reitor
Na sesión, o reitor Antonio López deu conta no seu informe do proceso de reforma estatutaria no que se atopa a USC para dar cumprimento, entre outros, ao novo marco lexislativo estatal. Tal e como explicou, será este órgano de goberno quen aprobe o documento final, unha vez o Consello de Goberno lle traslade unha proposta. Agárdase que en xaneiro teña lugar un Consello de Goberno extraordinario para pechar o documento que se lle traslade á comisión de desenvolvemento estatutario do Claustro e finalmente en abril chegar á súa aprobación definitiva.

Antonio López avanzou que, logo da súa posta a disposición de toda a comunidade universitaria, o borrador dos novos estatutos recibiu un total de 798 suxestións, das que case unha terceira parte atinxen a nova configuración das estruturas organizativas universitarias que permite a nova normativa estatal.

O grao de cumprimento  do Plan Estratéxico da USC 2024-2026 foi outra das cuestións tratadas este mércores polo reitor, un seguimento que “coa máxima transparencia podemos ir facendo dende a propia web en base aos indicadores prefixados” e que reflicte uns resultados “moi positivos” de xeito que a día de hoxe se compre o 82% dos ODS e o 81,82 das liñas estratéxicas marcadas.

O reitor proseguiu o seu informe dando conta de que a Universidade de Santiago será, a 31 de decembro deste ano, a primeira do Estado en ter todo o seu profesorado adaptado ao novo marco normativo estatal, logo de informar sobre a sinatura do convenio co Ministerio e a Xunta para o financiamento de 53 prazas de profesorado axudante doutor co que se agarda poder sufragar unha parte das prazas que xa estaban programadas na planificación ordinaria de 2024. Explicou tamén o reitor que a planificación docente da USC nestes últimos anos levou a situar a USC no primeiro posto de toda España en canto á menor taxa de temporalidade, cun 6%, cando a media estatal está no 30%.

A licitación inminente da primeira fase do proxecto de Cidade da Saúde que suporá o comezo da construción de Farmacia e a reacreditación, en 2025, do Campus Terra como campus de especialización foron outros asuntos tratados por Antonio López. Con respecto a isto último, manifestouse “optimista” en función da memoria de resultados e dun recente informe sobre o impacto económico do Campus Terra que o cifra en máis de 75 millóns de euros na provincia de Lugo.

A USC cesa a creación de contido na plataforma social X
O Claustro acordou ademais que, dada a deriva experimentada pola plataforma social X nos últimos meses, a Universidade de Santiago de Compostela deixe de crear contido nesa rede, unha decisión que xa era vontade do equipo reitoral, sumándose a moitas outras institucións universitarias do Estado, e que hoxe se viu avalada pola maioría do órgano de goberno.

Fundaméntase a proposta, entre outras cuestións, en que nos últimos tempos X desartellou as barreiras de moderación establecidas que tentaban loitar contra discursos do odio, desinformación e contra os dereitos humanos, “reactivando contas de perfís xenófobos e racistas á vez que se desligou en 2023 do código de conduta e boas prácticas en materia de desinformación da Unión Europea que ela mesma asinara no ano 2018”.

Na sesión claustral deuse tamén o visto bo a unha proposta que solicitaba o uso do termo ‘estudantado’ no lugar de ‘alumnado’ e acordouse que os centros, de acordo coa súa dispoñibilidade orzamentaria, se fagan cargo dos gastos derivados da participación do seu estudantado nas reunións sectoriais ás que acudan. Publicitar na páxina web o mecanismo xa existente para a xestión de equipamento informático retirado que poida ser reutilizado por outras unidades organizativas da Universidade foi a cuarta das propostas consensuadas.
 

Un momento do claustro da USC que tivo lugar este mércores. FOTO: Santi Alvite
Un momento do claustro da USC que tivo lugar este mércores. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2024.