Pasar al contenido principal
STG

As novas políticas de estranxeiría e asilo na Unión Europea, a análise nunha xornada en Filosofía

As migracións analizaranse en clave de dereitos humanos. FOTO: Santi Alvite
As migracións analizaranse en clave de dereitos humanos. FOTO: Santi Alvite
A xornada ‘Dereitos humanos e migracións’ porá o foco na situación dos campos de refuxiados e no sistema español de acollida a solicitantes de protección internacional

. A xornada ‘Dereitos humanos e migracións. As novas políticas de estranxeiría e asilo’ organizada polas asociacións Amiga e Diversidades Acoge, en colaboración co Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC e a Xunta de Galicia, desenvólvese este venres 13 de decembro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía a partir das 9.00 horas.

Nela analizaranse temas de actualidade como as políticas migratorias de España e a UE, a situación dos campos de refuxiados, o sistema español de acollida aos solicitantes de protección internacional, e o galego como ferramenta de integración para as persoas migrantes e refuxiadas. Todo iso en clave de dereitos humanos e dedicando a segunda parte do seminario a unha análise da lexislación de estranxeiría en España e o novo regulamento que entrará en vigor en maio de 2025. A inscrición é gratuíta e formalízase enviando un correo a info [at] amiga.gal (info[at]amiga[dot]gal), indicando nome, número de documento de identidade e un teléfono de contacto.

Inaugurará a xornada María Teresa Bustamante Fernández, avogada e presidenta da Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA). A primeira parte da xornada será unha mesa redonda que abordará a política migratoria europea dentro e fóra das fronteiras da UE e nela participarán a presidenta da ONG AIRE, Teresa Mendi Villarejo, quen explicará experiencias nos campos de refuxiados saharauis; a directora da Asociación Ecos do Sur, Saray Durán, que falará sobre o sistema de acollida a solicitantes de protección internacional en España, e o sociolingüista e director do primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia, Anik Nandi, quen se centrará no idioma como ferramenta de integración das persoas migrantes.

A segunda parte da xornada, a cargo da coordinadora xurídica de Cáritas Diocesana de Salamanca, de Cristina Almeida Herrero, tratará das vulneracións de dereitos ás persoas migrantes en España á luz da actual normativa, a través da análise do novo regulamento. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2024.