Un curso en Psicoloxía abordará a problemática do cannabis

O vindeiro 30 de xuño desenvolverase na Facultade de Psicoloxía o curso de formación continua ‘ Cannabis. Problemática e abordaxe terapéutica’, dirixido polo catedrático Elisardo Becoña e enfocado fundamentalmente a estudantes ou titulados en ciencias da saúde e Sociais.
No curso presentaranse os datos máis relevantes sobre varios aspectos relacionados co consumo de cannabis como a súa prevalencia, a problemática física e psicolóxica que acarrea o seu consumo, as demandas de tratamento ou abordaxes terapéuticas (psicolóxicas). Tratarase tamén o proceso de tratamento a través da análise de casos clínicos que demandaron tratamento, a frecuente co morbilidade asociada e as perspectivas de futuro.
Por último, abordarase a problemática comparando consumos, consumidores e tratamentos en España e México, para así poder ter unha perspectiva intercultural acerca desta problemática.