O catedrático Stefan Gries imparte en Filoloxía un curso gratuíto sobre lingüística de corpus
O catedrático de Lingüística da Universidade de Santa Barbara (California) Stefan Gries imparte este mércores 14 e o xoves 15 na Facultade de Filoloxía o curso ‘Statistical Analysis of, and Corpus Approaches to, Lexicogrammar’, dirixido principalmente a alumnado de posgrao e investigadores interesados na Lingüística de corpus e tratamento de datos. A inscrición é gratuíta.
Gries é autor de máis dunha ducia de monografías e máis dun centenar de artigos e capítulos de libro, ademais de editor de varias revistas especializadas como Corpus Linguistics and Lingusitics Theory, Journal of Research Design and Statistics in Linguistics and Communication, e Language and Cognition. Catedrático honorario da Research Academy da Universidade de Leipzig e profesor visitante, entre outras, nas Universidades de Lancaster, Bochum, Erfurt, Austin (Texas), Open University of Hong Kong, etc, o seu campo de especialización é a Lingüística de Corpus e dentro desta os métodos cuantitativos de análise desde perspectivas sincrónicas e diacrónicas.
O curso, de 8 horas de duración, está organizado polos grupos Gramática do Español e SPERTUS, coordinados respectivamente polos docentes Victoria Vázquez Rozas e Ignacio Palacios Martínez, coa colaboración de SEFORIN (Seminario de Formación e Innovación para estudantes de Mestrados na Facultade de Filoloxía).