Pasar al contenido principal
STG

A Conferencia Nacional de Decanos e Decanas de Facultades de Farmacia reuniuse na USC

Á reunión acudiron unha vintena de representantes de dezasete universidades. Foto: Santi Alvite
Á reunión acudiron unha vintena de representantes de dezasete universidades. Foto: Santi Alvite

O Salón Reitoral do Colexio de San Xerome acolleu este martes 22 a xuntanza da Conferencia Nacional de Decanos e Decanas de Facultades de Farmacia. A celebración na USC converteuse nunha mostra de agradecemento ao labor desenvolvido nos últimos anos da ata agora decana da Facultade compostelá Isabel Sández, así como de benvida ao novo decano Francisco Javier Otero Espinar, elixido para o cargo recentemente. O vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, deu á benvida á vintena de asistentes que representaba a dezasete universidades de toda España.

Na orde do día da xuntanza figuraban entre outras cuestións a situación actual da modificación dos planes de estudo nas distintas facultades, así como a posibilidade de adhesión ao ‘ Consenso sobre plantas medicinais. Opción terapéutica validada’ e os proxectos normativos en materia de regulación das prácticas. Por parte da USC participaron o decano Francisco Otero Espinar e a vicedecana Reyes Laguna Francia, ademais da ex decana da facultade compostelá e vicepresidente desta conferencia Isabel Sández Macho.

Con anterioridade á celebración da xuntanza na Reitoría compostelá, o grupo realizou unha visita ao Colexio de Fonseca, edificio no que a Facultade de Farmacia tivo o seu xermolo en 1857. Naquela época o edificio foi compartido con Medicina ata que esta licenciatura se trasladou á súa sede na rúa de San Francisco en 1928. Ambas ensinanzas sempre estiveron moi relacionadas, compartindo aulas e laboratorios.

O vicerreitor Ernesto González deu a benvida aos participantes na xuntanza. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2019.