Pasar al contenido principal
STG

Botan a andar en Química as actividades do Ano Internacional da Táboa Periódica

Pascual Román dirixíndose ao público nun momento da súa intervención. Foto: Servimav-USC
Pascual Román dirixíndose ao público nun momento da súa intervención. Foto: Servimav-USC

A Facultade de Química da USC iniciou este mércores o seu particular programa de actividades conmemorativas do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos durante todo 2019. A facultade compostelá súmase así á da UNESCO con motivo do 150 aniversario do recoñecemento das propiedades periódicas dos elementos e os seus compostos, propostas polo científicos ruso Dimitri Mendeléiev en 1869.

O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a función esencial que desempeñan os elementos químicos e, por extensión, a ciencia química para o desenvolvemento sostible e para o progreso da humanidade.

As celebración da USC comezaron este mércores coa conferencia impartida polo profesor da Universidade de País Vasco Pascual Román Polo titulada ‘Mitoloxía e arte na táboa periódica dos elementos químicos’ e coa posterior inauguración da exposición sobre a evolución da Táboa Periódica ao longo dos anos, presente na entrada do centro ao longo de todo o ano. Nesta sesión inaugural interviñeron do vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; a decana da Facultade, Pilar Bermejo Barrera; e o o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Iván Mira Fernández.

O programa de actividades irase completando con diversas accións dirixidas tanto ao alumnado de todos os niveis educativos, dende ESO ata ciclo formativos e bacharelato, como para o universitario. Entre outras, xa están previstas un concurso sobre a táboa periódica e Galicia, outro sobre fotografía de alcance nacional ou sobre proxectos educativos e de ciencia na rúa, entre outros. Na web da Facultade de Química iranse mostrando de forma permanente a relación de todas as actividades que se vaian programando.

Aínda que no século XIX xa existían algunhas formas de ordenación dos 63 elementos químicos que se coñecían entón, o grande avance da proposta de Mendeléiev foron os criterios que utilizou para a súa organización tendo en conta o número atómico e as propiedades. Isto permitiu, por unha banda, poder ir engadindo os elementos descubertos posteriormente –na actualidade hai recoñecidos 118- e, por outra, poder predicir a existencia de posibles novos elementos químicos na terra ou no resto do universo.

De esquerda a dereita, Pilar Bermejo, Gumersindo Feijoo e Iván Mira. Foto: Servimav-USC Detalle da mostra que se poderá visitar ao longo de todo ano na Facultade sobre a táboa periódica. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2019.