Pasar al contenido principal
STG

A Facultade de ADE apoia a cultura emprendedora cunha xornada divulgativa e un relatorio sobre éxito profesional

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC apoia o emprendemento universitario coa celebración este xoves dunha xornada sobre cultura emprendedora orientada á participación de estudantes dos últimos cursos do grao en ADE.

A decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro Fernández, abrirá a sesión, ás 11.00 horas, na Aula Magna do centro universitario lugués cun breve acto de benvida a todas as personas asistentes. De seguido, José Manuel Rebolo González e Patricia González Alonso, técnicos da Área de Valorización e Transferencia de Tecnoloxía e Emprendemento da USC, farán unha exposición sobre as posibilidades e liñas de axuda a emprendedores dispoñibles no Campus Terra da USC.

Os testemuños das promotoras do proxecto empresarial LegalMit, María e Leticia Seara Losada, así como do promotor do proxecto Urban Digital Box, José Luis Gude Pereira, permitirán coñecer as súas respectivas experiencias como emprendedores empresariais no marco dun foro no que o coordinador da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, Rodolfo Ojea, tamén presentarán ao estudantado universitario as accións de apoio a iniciativas de emprendemento promovidas pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

A xornada sobre cultura emprendedora organizada na Facultade de ADE concluirá coa presentación das empresas Raiola Networks SL e Alazia Couture SL, a cargo dos seus co fundadores, Álvaro Fontela Sánchez e Carmen Louzao Soneira, respectivamente.

Relatorio sobre marca persoal e éxito empresarial

O director Captación de Talento de Abanca, Francisco Mateo Alonso, ofrecerá este xoves, a partir das 18.00 horas, no salón de graos da Facultade de ADE, un relatorio baixo o título ‘Marca persoal e empowerment, claves para o éxito profesional’. Esta sesión está aberta a todo o público interesado e a entrada é libre e gratuíta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2017.