A relación entre cine e literatura centra os contidos da última entrega da revista cultural Evohé
A revista Evohé do Campus Terra da USC pon o foco no seu número 28, que vén de ser presentado este luns na Facultade de Humanidades, na defensa da filololoxía clásica, das Humanidades e da cultura de calidade. Esta reivindicación centra precisamente a temática do manifesto inicial co que abre a última entrega da Revista Cultural do Campus de Lugo, unha publicación dirixida polo estudante Marío Sanfiz Arcadu e que orienta os seus contidos cara o cine e a literatura, dúas das manifestacións culturais máis consumidas pola poboación.
O novo número da revista cultural do campus de Lugo conta entre os seus contidos cun monográfico sobre as relacións entre cine e literatura no que se inclúe un poema de Carmen Blanco e un cinepoema de Claudio Rodríguez Fer executado graficamente por Cristina Fiaño, así como unha recensión do libro Cinepoemas, feito en colaboración polos dous últimos, realizada por Saturnino Valladares.
Ademais, hai artigos cineliterarios de Mario Sanfiz sobre Poe, de Alba González Pérez sobre a familia Barbagelata, de Ángeles Rodríguez Fontenla sobre Eisenstein, de Silvia Alonso sobre Hitchcock, de Héctor Acebo sobre Cummings e de María Lopo sobre María Casares, actriz sobre cuxa imaxe aparecen dous colaxes da artista Sara Lamas.
Tras o monográfico incorpórase unha sección varia con prosas de ficción e con poemas escritos por alumnado diverso do Campus Terra da USC: Eilún del Pazo, Catalina Herrera Ravinet, Sara Flores Fraga, Eugenia Vázquez Pereira, Uxía Sánchez García, Estrela Lucense e tamén de Mario Sanfiz sobre Poe.
O acto de presentación do último número de Evohé contou coa participación do vice decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, o poeta, profesor e impulsor da revista, Claudio Rodríguez Fer, e o director desta entrega da publicación cultural xerminada no campus lugués, Mario Sanfiz Arcadu.