O Ránking de Shanghai sitúa a USC como a mellor universidade de España e 45 do mundo en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas
A edición 2025 do Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai por materias, destaca a USC nun total de 14 eidos temáticos, sendo Farmacia e Ciencias Farmacéuticas o ámbito máis destacado ao situarse no posto 45 do mundo e primeiro de España. Esta clasificación destaca tamén a Universidade de Santiago de Compostela no chanzo 151-200 en Ciencias Medioambientais e Enxeñaría, Ciencias dos Alimentos e Tecnoloxía, Veterinaria e Odontoloxía.
Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Estatística e Ciencias Agrícolas son as materias nas que Shanghai destaca a actividade da USC situándoa no chanzo 201-300. No intervalo 301-400, sitúanse Física, Ecoloxía e Psicoloxía; mentres que no banzo 401-500 atópanse Química e Xestión.
Metodoloxía
A clasificación elabórase en base a diversos indicadores: World-Class Faculty (premios internacionais, persoal investigador altamente citado, xefatura de edición en xornais académicos internacionais ou liderado en organizacións académicas internacionais), World-Class Output (artigos nas publicacións máis citadas e premios académicos internacionais), calidade e impacto da investigación, así como as colaboracións internacionais á hora de realizar artigos. O ránking abarca un total de 57 materias pertencentes a Ciencias Naturais, Enxeñaría, Ciencias da Vida, Ciencias Médicas, e Ciencias Sociais. En total, a edición 2025 desta clasificación abrangue 2.000 institucións a través de 92 países.
Listaxe global
Xa no mes de agosto, o Ránking de Shanghai situou a USC no intervalo 501-600, de entre as mellores universidades do mundo na súa clasificación global de institucións académicas que se publica de ano en ano. Ademais, a Universidade de Santiago de Compostela, ocupaba o chanzo 11-16 de entre as institucións universitarias do Estado.