A Universidade de Santiago de Compostela (USC) alberga actividades deportivas, de lecer ou de tempo libre así como de educación non formal na que participan menores de idade tales como STEMbach, Olimpíadas, Programa Estalmat, Verán CampUSC, Programa A Ponte, visitas a centros e xornadas de portas abertas, proxectos de aprendizaxe-servizo, etc. Neste contexto faise necesario contar cun protocolo fronte a violencia física, psicolóxica, sexual, e outras que se poidan producir no seo da organización de eventos con menores de idade.
Así, con base no mandato establecido na Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de Protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia (LOPIVI), o Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 23 de xullo de 2025, aprobou o Protocolo de protección das persoas menores de idade en actividades deportivas, de lecer e outras organizadas pola USC.
O delegado ou delegada de Protección do menor
O delegado ou delegada de Protección do menor é a persoa responsable, dentro da USC, de previr, detectar, comunicar e tentar reducir ao mínimo posible os casos de violencia contra menores.
As vítimas e persoas coñecedoras de posibles situacións incluídas no Protocolo de protección das persoas menores de idade, poderán realizar consultas, solicitar información ou presentar denuncias mediante unha canle segura na que se poderá garantir o seu anonimato, tanto nos contidos remitidos como nos sistemas de transmisión telemática.
A comunicación entre a persoa e a USC realizarase a través dun sistema informático cun código individualizado, cuxa xestión e tramitación corresponderá á persoa delegada de Protección do menor.
Dirección electrónica de contacto co Delegado ou Delegada de Protección do Menor: delegada.menor [at] usc.gal (delegada[dot]menor[at]usc[dot]gal)
Boas prácticas nos casos de contacto con menores
- Evitar o contacto físico innecesario, excesivo ou desproporcionado.
- Non invadir a intimidade corporal ou psicolóxica.Evitar brincadeiras, comentarios ou xogos con connotacións de carácter sexual.
- Non empregar unha linguaxe inadecuada ou zafia.
- Dialogar con respecto e educación, sen empregar unha linguaxe sarcástica ou irónica.
- Respectar os momentos nos que as persoas deportistas estean no vestiario pero manter control indirecto por se xorde algún tipo de conduta violenta entre eles.
- Non levar a cabo reunións ou entrevistas a solas con menores.
- Evitar desprazamentos en vehículos a solas con menores.
Outra información