Pasar al contenido principal
STG

O Consello de Goberno aproba o convenio para a descentralización da docencia de Medicina

O Consello de Goberno aproba o convenio para a descentralización da docencia de Medicina
O Consello de Goberno aproba o convenio para a descentralización da docencia de Medicina
Tras o acordo acadado onte pola Xunta da Facultade de Medicina e Odontoloxía, o Consello de Goberno deulle luz verde tamén á folla de ruta para os traballos da comisión de seguimento de cara ao traballo previsto para os próximos meses

O Consello de Goberno, en sesión extraordinaria celebrada este venres, acordou aprobar o convenio entre as Consellarías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as tres universidades que compoñen o Sistema Universitario de Galicia para a descentralización da docencia en Medicina.

Este acordo acompáñase por unha folla de ruta aprobada no día de onte pola Xunta de Facultade e hoxe polo propio Consello de Goberno, coñecida polas consellarías e universidades, que recolle as consideracións realizadas pola Facultade a respecto do procedemento para lograr unha descentralización da docencia en Medicina que non afecte, máis ca positivamente, a unha docencia recoñecida pola súa excelencia.

O reitor Antonio López agradeceu a altura de miras e a responsabilidade manifestada polos membros da Xunta de Facultade que decidiron, por ampla maioría (64 votos a favor, 21 en contra e 4 votos en branco), prestar conformidade ao convenio asinado nas pasadas semanas e iniciar, deste xeito, o camiño da descentralización da docencia ata acadar por completo os cursos cuarto e quinto, ademais do xa descentralizado sexto. En palabras do reitor, “este será, sen dúbida, o primeiro paso para facer da Facultade de Medicina da USC a Facultade de Medicina de Galicia”.

Folla de ruta

O documento que o Consello de Goberno aprobou ao tempo có convenio recolle a folla de ruta a seguir na comisión de seguimento que se porá en marcha no próximo mes de xaneiro. Nel reitérase a dependencia das unidades docentes da Facultade de Medicina e Odontoloxía e a necesidade de definir as súas funcións e coordinación.

Ademais, entre outros puntos, incorpórase a participación na comisión, con voz e voto, dunha representación do estudantado. Tamén se establece o imperativo da existencia dun réxime especial transitorio para ese colectivo que se atope matriculado no momento da sinatura do acordo, para o que a asignación ás unidades docentes neste proceso de descentralización se fará atendendo as súas preferencias.

Finalmente, este documento de traballo tamén se marca, entre outras cuestións, a necesidade de aprobar memorias de necesidades de persoal, infraestruturas, económica e de impacto.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2025.