Pasar al contenido principal
STG

A primeira edición dos Prémios CarValho golpeDasa xa ten gañadores

Os premios convócanse con carácter anual
Os premios convócanse con carácter anual
O estudante angolano Eliseu Zua Cateco, o xornalista Joel Gómez, o profesor Angel José Brea e a Fundación Artábria fanse cos galardóns da Cátedra Carvalho Calero
Santiago de Compostela

A Cátedra Institucional Carvalho Calero recentemente constituída vén de outorgar os I Prémios CarValho GolpeDasa, que pretenden distinguir anualmente obras individuais ou colectivas, e mesmo persoas ou entidades e empresas, que contribúan ao coñecemento da produción intelectual, pensamento, valores e personalidade do autor galego así como promover ou reforzar as relacións de Galicia cos países de lingua portuguesa.

Na categoría de traballo de fin de grao ou mestrado o gañador foi o angolano Eliseu Zua Cateco, polo seu TFG Modo de interação e compreensão da língua portuguesa mediante as variantes linguísticas na USC Galiza: o caso dos estudantes lusófonos. Nel estudou as variantes do portugués no proceso de interacción entre o estudantado do campus compostelán, coincidindo coa experiencia de intercambio do autor. Na interacción lingüística con outros falantes da mesma lingua, incluídos os galegos, tentou examinar a diversidade e as mudanzas resultantes do modo de falar, do significado que gañan as palabras, entre outros elementos que destacan os diversos rumbos que a lingua está tomando.

Así, na comunicación verbal observou o uso de termos diferentes en distintos grupos, resultando na creación de variados dialectos. Para iso, realizou unha pesquisa de caso co estudantado lusófono da USC en Galicia, empregando unha abordaxe metodolóxica cualitativa que consistiu en entrevistas con 13 estudantes de países de lingua portuguesa e tres galegos, ademais dun grupo focal con estudantados de países de lingua portuguesa. A avaliación dos datos concluíu que o estudantado interacciona e entende o portugués nas súas máis diversas variantes.

O estudante angolano Eliseu Zua Cateco, gañador dun dos premios, realizou un intercambio na USC no curso 2024-25
O estudante angolano Eliseu Zua Cateco, gañador dun dos premios, realizou un intercambio na USC no curso 2024-25

Premio de Investigación

Pola súa banda, o I premio de Investigación para unha tese de doutoramento ou libro publicado recaeu en Joel R. Gómez pola monografía A produção jornalística de Carvalho Calero sobre política linguística: por um galego útil, rendível, económico e competitivo.

O traballo, defendido en outubro de 2024 como parte do discurso de ingreso do autor como membro numerario da AGLP, analízanse máis dun cento de artigos difundidos por Carvalho Calero no xornal La Voz de Galicia, no que se ocupou de temas de política lingüística. Nel reivindícase como produtor de artigos de opinión e reclámase a actualidade da súa doutrina reintegracionista e que sexa considerada de novo na axenda política galega.

Na bibliografía final referéncianse 236 trabalos de Carvalho Calero, publicados entre 1945 e pouco antes da súa morte, e reprodúcense dous deles publicados no verán de 1975, poucos meses antes da morte de Francisco Franco. Neles, Carvalho propón unha modificación progresiva da ortografía galega, pasando dunha orientación baseada no galego-castelán para a do galego-portugués. O volume complétase con traballos de José-Martinho Montero Santalha e de António Gil Hernández e acompáñase de caricaturas de Siro López.

Premio de Creación Literaria

O I Premio nesta modalidade recaeu en Angel José Brea Hernández, por Ensinamentos de Rahotep, unha ambiciosa narrativa de ambiente exipcio, na que o autor traballou durante máis dunha década. O autor, natural de Santiago de Compostela, é licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC e en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña e diplomado en Estudos Portugueses pola Universidade de Lisboa. Como profesor titular, imparte aulas de Lingua galega e Literatura.

Ademais de artigos en diversas publicacións, publicou entre outros Livro do Caminho, poemário, in Cadernos do Povo, Pontevedra-Braga, 1989; Diário de um poeta maldito, de José Fernandes, na coleção de poesia 5+2 = 8 e Aos 4 ventos, Pontevedra, 1994; O país dos nevoeiros, (poemas I-XX) in Antologia de Poesia Lusófona, Cadernos do Povo, n.o27-34 (1993-1994), Pontevedra-Braga, pp. 243-270; Queixumes dos Pinheiros e outros poemas de Eduardo Pondal, in Cadernos do Povo, 1996: «Temas da poesia de Eduardo Pondal», pp. VII-XXXVII; edición de Queixumes dos Pinos de Eduardo Pondal, en versión portuguesa, anotada e comentada; Edición anotada e versión portuguesa de Cantares Galegos, de Rosalia de Castro, in Cadernos do Povo, 1999; e O país dos nevoeiros, col. Espiral Maior, Corunha, 2005.

Mención de honra para Artábria

A Fundación Artábria do Ferrol foi a elixida para ostentar a primeira mención de honra dos premios pola súa defensa da unidade lingüística galego-portuguesa e o pleno recoñecemento do galego (entendido como portugués da Galiza) como lingua nacional. O seu ámbito de actuación é a comarca de Trasancos, no noroeste galego.

Artábria foi inicialmente unha asociación dedicada á defensa da lingua de Galicia e da súa identidade co portugués. Creada en 1992 no concello de Narón, o seu ámbito estendeuse aos concellos veciños de Ferrol e Fene. Nesa etapa inicial, a Associaçom Reintegracionista Artábria organizou cursos de lingua en Narón e Ferrol, en ocasións colaborando con institucións municipais ou co movemento asociativo da comarca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.01.2026.