Pasar al contenido principal
STG

A Olimpíada Informática Galega mantén aberta a preinscrición ata o 23 de xaneiro

Foto de grupo do estudantado participantes na edición de 2025
Foto de grupo do estudantado participantes na edición de 2025
Quen gañe a fase galega participará na española en Valladolid e de aí irá á internacional en Uzbekistán
Santiago de Compostela

Estudantes menores de 20 anos de Secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio poden preinscribirse ata o 23 de xaneiro na Olimpíada Informática Galega 2026 (OIG 2026) que se desenvolverá o vindeiro 6 de febreiro. O certame está organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coas Universidades de Santiago Vigo e A Coruña.

O obxecto da OIG é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade. A OIG permitirá seleccionar dous representantes de Galicia para participar na XXX Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 10 ao 12 de abril na Escola de Enxeñaría en Informática da Universidade de Valladolid. De aí, as persoas gañadoras poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional en agosto en Uzbekistán.

A olimpíada celebrarase de xeito presencial na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, en horario de 15:30 a 20:30 horas, coa colaboración da  Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo no Campus de Ourense.

A competición consistirá na resolución de entre seis ou oito problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. En caso de empate, terán prioridade os participantes de edicións anteriores en orde de clasificación e, en caso de empate, por orde de preinscrición.

A olimpíada está habitualmente patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC. Na edición de 2025 colaboraron Apser Cloud Services, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGal, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2026.