Pasar al contenido principal
STG

Un encontro internacional en Filosofía abordará a perspectiva máis aló do humano

Fotografía de Ron Lach
Fotografía de Ron Lach
As axencias bacterianas, vexetais, animais, relacionais, colectivas e artificiais acabaron ocupando un lugar destacado na axenda filosófica actual

Reflexionar sobre a filosofía da axencia desde unha perspectiva máis aló do humano, que inclúe a axencia de animais non humanos, plantas e outras entidades biolóxicas, así como axencia artificial, material, híbrida e colectiva. Ese é o obxectivo do encontro internacional ‘Philosophy of Agency in a more-than-human World’ que terá lugar na Facultade de Filosofía os días 13 e 14 de xaneiro.

Financiado polo grupo de investigación de referencia competitiva ‘Discurso e Identidade’ e polo Instituto de Humanidades (iHUS), o evento componse de cinco charlas de conferenciantes convidados máis trece relatorios escollidos entre as moitas propostas que se presentaron en resposta a un call or papers específico para esta ocasión. En total, participarán especialistas  conta con participantes de 16 institucións europeas.

No encontro pártese da idea de que o feito de que o mundo que habitamos os humanos estea poboado por actores non humanos tamén significa que as sociedades humanas están compostas por redes superpostas e interrelacionadas de axencias distintas ás humanas de diversos tipos.

Durante o primeiro cuarto do século XXI, houbo un interese crecente en abordar algúns destes fenómenos non humanos, e tamén certas formas de acción humana que non encaixan no modelo individualista clásico. Mesmo cando se aborda unicamente o modelo humano, considéranse diferentes niveis ou graos de axencia, desde sistemas subpersoais ata entidades suprapersoais, desde a actividade celular, por exemplo, ata variedades como a axencia relacional, unha cuestión impulsada oportunamente polas explicacións feministas da autonomía.

En resumo, as axencias bacterianas, vexetais, animais, relacionais, colectivas e artificiais acabaron ocupando un lugar destacado na axenda filosófica actual. Este estado de cousas implica unha confluencia fértil de disciplinas, que van dende as ciencias naturais, a psicoloxía e as ciencias sociais ata a neurociencia e a antropoloxía, o que supón un conxunto complexo de desafíos para a filosofía da acción, a filosofía da mente, a epistemoloxía social, a ética, a metafísica e outras áreas filosóficas.

De todo isto falarán nos dous días do encontro especialistas das Universidades de Santiago de Compostela, Cambridge, Neuchâtel, Helsinki, Leeds, Amsterdam, Carlos III, Sccuola Universitaria Superiore de Pavia, UNED, Lisboa, Murcia, Oviedo, Università della Svizzera Italiana, Austrian Institute of Economic Research, King’s College de Londres e Instituto Jean Nicod de París.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2026.