Pasar al contenido principal
STG

Acto ‘In Memoriam’ do profesor José Antonio Redondo

22.01.2026 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón de Graos

José Antonio Redondo
José Antonio Redondo

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organizan o 22 de xaneiro un acto In Memoriam’ do profesor José Antonio Redondo López (1951-2025).

O acto desenvolverase ás 12.00 horas no salón de graos do centro e nel intervirán o reitor Antonio López e o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio. Ademais, tomarán a palabra o decano da facultade anfitrioa, Xoán Ramón Doldán García; o presidente do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro Fernández; o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto; a profesora da USC e académica da RAGC, María Loureiro García, e a profesora titular do Departamento de Economía Financeira
e Contabilidade da USC, Loreto Fernández Fernández.

José Antonio Redondo López

Natural de Lugo, estudou Ciencias Económicas, Comerciais e Políticas na Universidade de Santiago (1969-1974), onde colaborou na creación da licenciatura de Ciencias Empresariais. Especializouse en finanzas e introduciu os primeiros estudos sobre Teoría do Investimento Financeiro.

Tras unha estadía académica na Universidade de California, dedicou a súa investigación á aplicación da análise espectral ao comportamento dos valores bolsistas, unha aproximación pioneira que pode considerarse antecedente da actual intelixencia algorítmica aplicada aos mercados financeiros. En 1987 obtivo a Cátedra no Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, iniciando unha intensa actividade investigadora centrada na análise dos fluxos financeiros.

En 1993 comezou unha nova etapa profesional vencellada á Administración Pública de Galicia, colaborando como asesor na sociedade pública Sogama e na Consellería de Obras Públicas e Urbanismo. Dous anos despois, convértese en director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cargo que desempeñou ata 2005.

Xa de volta á vida universitaria, segue a participar en numerosos órganos e consellos, entre eles a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica, Xestur, o Instituto Galego de Estatística e o Consello Galego da Xuventude. En 2015 foi nomeado Conselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia, cargo que ocupou ata 2023.

A súa ampla traxectoria foi recoñecida co seu ingreso na Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras (2008) e na Real Academia Galega de Ciencias (2018). 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2026.