Pasar al contenido principal
STG

A comisión de seguimento do acordo de Medicina aproba crear dous grupos de traballo en materia xurídica e económica

A comisión de seguimento do acordo constituíuse este martes. Foto: Xunta de Galicia
A comisión de seguimento do acordo constituíuse este martes. Foto: Xunta de Galicia
Os reitores das tres universidades públicas galegas e os conselleiros de Educación e Sanidade asinaron este martes o convenio

A comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para a descentralización do grao en Medicina acordou este martes, na súa reunión constitutiva, a creación de dous grupos de traballo e a incorporación dun representante do estudantado.

Un dos grupos de traballo centrarase no aspecto técnico e xurídico, en concreto no regulamento das unidades docentes que haberá que crear nas universidades da Coruña e Vigo para dar materializar a descentralización, e o segundo terá un carácter económico, coa encomenda de estimar as necesidades humanas e materiais para facela efectiva.

Para o reitor compostelán, Antonio López, “o reto era complicado, pero fomos quen, con moita xenerosidade por parte de todos, de chegar a esta solución, a mellor para o futuro do noso futuro persoal médico”. Unha solución que pasa, dixo, por “manter unha única facultade e incorporar a ela todas as capacidades tanto do sistema sanitario galegos como das outras universidades, o que redundará en mellorar a formación do noso estudantado, que era o principal propósito”. Con este acordo, manifestou, “estamos convertendo a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Medicina de Galicia”.

Composición da comisión

Forman parte da comisión de seguimento os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, Antonio López, Ricardo Cao e Manuel Reigosa, respectivamente; os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o xerente do SERGAS, José Ramón Parada.

En representación de cada un dos hospitais universitarios actúan Andrés Soto Varela polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Carlos Vázquez Barro polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e Ana Concheiro Guisán polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Así mesmo, forman parte da comisión os vicerreitores de Titulacións da UDC, Moisés Canle, e da UVigo, Alfonso Lago. No caso da USC, asistiu o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, en representación da Vicerreitoría de Titulacións, vacante neste momento polas inmediatas eleccións universitarias. Completan a composición o decano Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, José Martín Carreira, e o da Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, Iván de Rosende.

Sinatura do acordo

Ademais de constituírse a comisión de seguimento, tamén se asinou o convenio para a descentralización da docencia do grao en Medicina. A folla de ruta consensuada establece a descentralización progresiva nos tres últimos cursos nas tres universidades públicas galegas, cun cronograma de catro anos académicos.

Para iso crearanse unidades docentes nos complexos hospitalarios universitarios da Coruña e de Vigo que acollerán, cada unha delas, o 25% do alumnado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, así como o profesorado que imparta a docencia. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.01.2026.