Pasar al contenido principal
STG

Un proxecto pioneiro da USC favorece a inclusión educativa do alumnado hospitalizado co uso de avatares robóticos nas aulas

A profesora Carmen Fernández Morante explícalle ao conselleiro o funcionamento do avatar robótico. Foto: Xunta de Galicia
A profesora Carmen Fernández Morante explícalle ao conselleiro o funcionamento do avatar robótico. Foto: Xunta de Galicia
Persoal investigador do ICE e a Consellería de Educación impulsan dende Galicia a pilotaxe do proxecto AVATARES como modelo de transferencia de coñecemento educativo

Para reducir o illamento do alumnado que por motivos de saúde se ve obrigado a permanecer afastado do centro educativo, o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (TECNOEDUC) vén de asinar un convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do CIEDIX, para a posta en marcha dun estudo piloto na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

O proxecto AVATARES ten como obxecto avaliar o uso de sistemas de telepresenza, en particular avatares robóticos, nos centros educativos co fin de reforzar o sentimento de pertenza, evitar o illamento social e manter o vínculo escolar do alumnado con enfermidades crónicas ou con ausencias prolongadas. Este proxecto pioneiro parte do traballo previo de TECNOEDUC, que desenvolveu unha metodoloxía pedagóxica para a integración dos avatares como recurso para a inclusión do alumnado durante os períodos de ausencia escolar, facilitando a súa posterior reincorporación ao centro educativo.

No marco do convenio asinado, profesionais do CIEDIX colaborarán no desenvolvemento do estudo piloto facilitando a súa implementación nos centros educativos e incorporándose ao equipo de investigación que leve a cabo a pilotaxe.

Colaboración con No Isolation

A experiencia piloto consistirá no uso  de sistemas de tele-presenza por parte de alumnado de educación primaria hospitalizado no CHUS e incorporado á súa Aula Hospitalaria. Estes sistemas implantaranse nas aulas ordinarias do alumnado participante, permitindo a asistencia remota ás actividades lectivas mediante un dispositivo electrónico. A conexión establecerase en modo bidireccional, de forma que so se emitirá sinal de audio desde a aula hospitalaria, e o alumno ou alumna poderá visualizar e comunicarse por audio co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras de aula.

O desenvolvemento do proxecto conta ademais coa colaboración da empresa tecnolóxica de base universitaria No Isolation, desenvolvedora dos sistemas de telepresenza AV1 que se empregarán durante o estudo piloto. TECNOEDUC subscribiu coa compañía un acordo especifico de colaboración para a investigación, que permite combinar o coñecemento científico xerado na universidade cunha tecnoloxía deseñada especificamente para reducir o illamento social do alumnado.

Investigación aplicada e transferencia de coñecemento ao sistema educativo

AVATARES constitúe unha iniciativa estratéxica de transferencia de coñecemento ao sistema educativo e foi impulsado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, no marco do Programa de Estímulos Transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. O proxecto de transferencia obtido por TECNOEDUC no programa permitiu estruturar a metodoloxía AVATARES como unha proposta madura, transferible e aliñada coas necesidades reais do sistema educativo.

A iniciativa permitirá non só aplicar a metodoloxía AVATARES en contextos reais, “senón tamén recoller evidencias científicas sólidas sobre o seu impacto no benestar emocional do alumnado, a súa integración social e a súa aceptación por parte do profesorado e da comunidade educativa”, explica a profesora da USC Carmen Fernández Morante, responsable do proxecto.

Un proxecto con proxección estatal

Á pilotaxe que se desenvolverá en Galicia súmanse outros acordos impulsados por TECNOEDUC en distintas comunidades autónomas, como  a Comunitat Valenciana, e outras que xa manifestaron o seu interese na pilotaxe, como Estremadura, Madrid e Canarias.

Esta expansión reforza o carácter pioneiro do proxecto AVATARES como unha proposta innovadora e baseada en evidencia científica, chamada a converterse nunha referencia para as políticas de inclusión educativa, e sitúa a TECNOEDUC e á USC como axentes clave na transferencia de coñecemento ao servizo do sistema educativo.

Foto de grupo do acto de sinatura do convenio para a experiencia piloto en Galicia. Foto: Xunta de Galicia
Foto de grupo do acto de sinatura do convenio para a experiencia piloto en Galicia. Foto: Xunta de Galicia
Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2026.