Pasar al contenido principal
STG

O Selo ao Compromiso de MetaRed S distingue “os primeiros pasos firmes” da USC cara a sustentabilidade

A USC acaba de ver recoñecido o seu esforzo co Selo ao Compromiso de MetaRed. FOTO: Santi Alvite
A USC acaba de ver recoñecido o seu esforzo co Selo ao Compromiso de MetaRed. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela obtén este distintivo que é “punto de partida para construír un camiño de mellora continua”
Lugo, Santiago de Compostela

A Enquisa de Sustentabilidade Universitaria é unha ferramenta deseñada para analizar o grao de sostibilidade das institucións en tres dimensións chave: ambiental, social e de gobernanza. A través dun conxunto de indicadores específicos, a enquisa permite identificar o nivel de logro de cada universidade e recoñecer os avances alcanzados. Como parte desta avaliación, a USC acaba de obter o Selo ao Compromiso de MetaRed S co que se distinguen aquelas institucións que están a dar “os primeiros pasos firmes” cara a sustentabilidade. Tal e como apuntan dende MetaRed S, a Universidade de Santiago de Compostela obtén este distintivo que é “punto de partida para construír un camiño de mellora continua”. 

Para o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, este selo é “un recoñecemento ao rigor e á transparencia da Universidade na xestión de indicadores de sustentabilidade”. De feito,  o Selo ao Compromiso de MetaRed S subliña a vontade da USC de contribuír activamente á mellora do impacto social e ambiental das Institucións de Educación Superior no ámbito iberoamericano. Cómpre destacar, como exemplo das boas prácticas levadas a cabo neste eido pola USC, a publicación do cadro de mando do plan estratéxico 2024-2026, no que é posible facer o seguimento do cumprimento por parte da USC dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da ONU, ou a certificación consonte cos estándares GRI da memoria de responsabilidade social corportativa

A enquisa enmárcase no proxecto ‘Análisis Internacional de Implantación de Políticas de Sostenibilidad en IES Iberoamericanas" que busca medir o nivel de madurez destas institucións en materia de sustentabilidade e responsabilidade social universitaria. MetaRed é un proxecto colaborativo de traballo conxunto con universidades de Iberoamérica, sobre os desafíos que viven. Converteuse nunha rede internacional de redes que fortalece capacidades e amplía as oportunidades e horizontes das universidades. A iniciativa corre a cargo da Fundación Universia e conta co respaldo de Banco Santander.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.01.2026.