Pasar al contenido principal
STG

A USC abre a campaña electoral

De esquerda a dereita, Maite Flores, María José López Couso, Alba Nogueira e Rosa Crujeiras. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Maite Flores, María José López Couso, Alba Nogueira e Rosa Crujeiras. Foto: Santi Alvite
Por primeira vez na súa historia, a institución compostelá terá unha reitora. Ás eleccións do 12 de febreiro preséntanse as catedráticas de Estatística e Investigación Operativa, Rosa Crujeiras; de Óptica, Maite Flores; de Filoloxía Inglesa, María José López Couso; e de Dereito Administrativo, Alba Nogueira. As catro comezaron hoxe os seus actos de campaña en distintos lugares e campus da Universidade.

Dende este martes 27 e ata o vindeiro 10 de febreiro, a Universidade de Santiago de Compostela desenvolve a campaña electoral previa ao día da votación na que a comunidade universitaria elixirá, por primeira vez na historia da institución, unha muller como reitora.

Ás eleccións do 12 de febreiro preséntanse as catedráticas de Estatística e Investigación Operativa, Rosa Crujeiras; de Óptica, Maite Flores; de Filoloxía Inglesa, María José López Couso; e de Dereito Administrativo, Alba Nogueira. As catro comezaron hoxe os seus actos de campaña en distintos lugares e campus da Universidade.

Na convocatoria electoral detállase o calendario do proceso electoral, no que ademais se elixirán os representantes no claustro universitario e nas xuntas de centro e nos consellos de departamento.

Nas eleccións a reitor ou reitora, no caso de ser precisa unha segunda volta, a campaña prolongaríase entre o 27 febreiro e o 9 de marzo. Nese caso, o día 12 de marzo terá lugar a proclamación provisional da reitora e a definitiva o 23 de marzo. Pode obterse máis información sobre os tres procesos no web de ‘Participación e procesos electorais’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.01.2026.