Pasar al contenido principal
STG

O CETUR convoca a primeira edición dos Premios a Traballos Fin de Grao e Máster sobre turismo

Trátase de pór en valor a investigación universitaria vinculada ao turismo
Trátase de pór en valor a investigación universitaria vinculada ao turismo
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 2 de marzo de 2026

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da Universidade de Santiago de Compostela convoca a I edición dos Premios CETUR a Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Máster (TFM), coa fin de pór en valor a investigación universitaria vinculada ao turismo e fomentar a xeración de coñecemento aplicado a un sector estratéxico para o desenvolvemento económico e social de Galicia.

A convocatoria destínase a traballos defendidos durante os cursos académicos 2023-2024 e 2024-2025 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, que acheguen unha análise significativa sobre os retos, dinámicas e transformacións da actividade turística desde unha perspectiva académica rigorosa, transversal e interdisciplinaria.

Poderán presentar candidatura as persoas que superaran un TFG ou TFM cunha cualificación igual ou superior a 8 puntos. As solicitudes deberán presentarse de forma telemática e enviando a documentación requirida ao enderezo electrónico cetur [at] usc.es (cetur[at]usc[dot]es). O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 2 de marzo de 2026.

O xurado estará composto pola directora do CETUR, persoas investigadoras con experiencia acreditada no ámbito do turismo e representantes institucionais do Consello Asesor do centro, garantindo criterios de pluralidade académica e ausencia de conflito de intereses.

A entrega dos premios realizarase nun acto público organizado polo CETUR, no marco dunha actividade académica ou científica e que será anunciado proximamente. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2026.