Pasar al contenido principal
STG

Identifican as áreas clave para conservar a biodiversidade de artrópodos na Península Ibérica e Baleares

Chaetopteryx atlantica é unha especie de insecto de alta montaña, pertencente a un dos grupos (Tricópteros) incluídos no estudo
Chaetopteryx atlantica é unha especie de insecto de alta montaña, pertencente a un dos grupos (Tricópteros) incluídos no estudo
O equipo de investigación, con presenza da USC, xerou unha base de datos que contén rexistros dun total de 6.231 especies

Os artrópodos, como insectos, arañas ou crustáceos, representan a maior parte da biodiversidade do planeta e desempeñan funcións esenciais nos ecosistemas, pero seguen a ser un grupo amplamente ignorado nas políticas de conservación. Co obxectivo de reverter esta situación, un equipo de investigación formado por persoal de preto dunha vintena de centros e universidades de toda España e Portugal no que participa Marcos González, do grupo BiBiCI da USC (Biodiversidade, Bioxeografía e Conservación Integrativa), xerou unha base de datos que contén rexistros sobre a distribución na Península Ibérica e as Ilas Baleares dun total de 6.231 especies pertencentes a 13 grandes grupos taxonómicos de artrópodos.

Grazas a este esforzo colaborativo, o estudo identificou 40 áreas prioritarias para a conservación dos artrópodos na Península Ibérica e Ilas Baleares, zonas nas que se concentra unha riqueza excepcional de especies. A maioría destas áreas localízanse en grandes sistemas montañosos como Serra Nevada, os Pirineos ou a Cordilleira Cantábrica, rexións clave como refuxios de biodiversidade mediterránea.

Ademais, o traballo avalía a eficacia da rede europea de espazos protexidos da Rede Natura 2000, concluíndo que cobre gran parte destas zonas prioritarias, aínda que algunhas áreas relevantes seguen estando insuficientemente protexidas. En relación con este feito, Marcos González sinala que a Península Ibérica é un dos grandes refuxios de biodiversidade en Europa e que se non se protexen estas áreas específicas. “Poderiamos perder especies únicas antes mesmo de que sexan descubertas ou estudadas en profundidade”, advirte.

Os resultados, que foron publicados na revista científica Insect Conservation and Diversity, mostran a necesidade urxente de integrar explicitamente os artrópodos nos plans de xestión e conservación das áreas protexidas, e ofrece unha base sólida para orientar futuras estratexias no novo Marco Global de Biodiversidade post-2020.
 

Marcos González, un dos autores do estudo
Marcos González, un dos autores do estudo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2026.