Pasar al contenido principal
STG

Comeza o proxecto europeo LIFE-REVIVE para mellorar o estado ecolóxico dos ríos

Foto de familia das persoas representantes dos membros socios do proxecto
Foto de familia das persoas representantes dos membros socios do proxecto
A participación da USC céntrase en replicar e adaptar para varios afluentes galegos do Miño as metodoloxías desenvolvidas en Portugal

O proxecto europeo LIFE-REVIVE, que pretende mellorar o estado ecolóxico das concas hidrográficas dos ríos Lima, Vouga e varios ríos galegos do Treito Internacional mediante solucións innovadoras e integradas, desenvolveu recentemente a súa xuntanza de lanzamento.

Financiado polo Programa LIFE da Unión Europea, o proxecto coordinado pola Universidade de Évora conta co apoio técnico e científico do MARE –Centro de Ciencias do Mar e do Ambiente e do Laboratorio Asociado ARNET– e do grupo de investigación do Laboratorio de Hidrobioloxía da USC, dirixido polo profesor Fernando Cobo.

O LIFE-REVIVE ten como principal obxectivo reducir os impactos derivados das alteracións hidromorfolóxicas nos cursos de auga, como presas e azudes ou doutras modificacións que afectan o réxime natural de caudais. O proxecto prevé realizar tamén accións dirixidas a minorar as presións biolóxicas, en particular o control de especies invasoras de flora acuática que comprometen o equilibrio dos ecosistemas.

O encontro reuniu os socios beneficiarios do proxecto, entre eles os municipios de Ponte de Lima, Arcos de Valdevez, Águeda, Figueiró dos Vinhos, Mora (onde se inclúe o Fluviario de Mora), a empresa de enxeñaría AQUALOGUS e a Universidade de Santiago de Compostela. Presentáronse os obxectivos xerais e o plan de acción, particularmente as actividades previstas para este primeiro ano. Nesta fase inicial realizaranse traballos de monitorización e actualización do diagnóstico ambiental nas áreas do proxecto, que servirán de base para as futuras intervencións nos leitos fluviais.

A participación principal da USC, centrada en replicar e adaptar para varios afluentes galegos do Miño as metodoloxías desenvolvidas en Portugal, iniciarase a finais de 2028, pero ata entón colaborará na avaliación das presións, nas tarefas de seguimento ecolóxico para medir o impacto das actuacións de restauración, e nos obradoiros e encontros transfronteirizos previstos durante toda a duración do proxecto.

Segundo Carlos Alexandre, investigador da Universidade de Évora e coordinador deste proxecto, “o LIFE-REVIVE representa un paso importante na promoción da sustentabilidade e na valorización dos ecosistemas fluviais, contribuíndo a ríos máis saudables e resilientes fronte aos actuais desafíos ambientais”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2026.