Pasar al contenido principal
STG

O Campus Terra, unha oportunidade para reforzar Lugo como polo de I+D+i

Imaxe aérea do Campus Terra. FOTO: Santi Alvite
Imaxe aérea do Campus Terra. FOTO: Santi Alvite
USC e Xunta de Galicia deron a coñecer os detalles do novo convenio que rexerá no período 2026/29 a estratexia deste campus de especialización
Lugo

O reitor Antonio López Díaz e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentaron este martes 3 o novo convenio para desenvolver no período 2026/29 a estratexia de especialización do Campus Terra de Lugo, centrado no ámbito da agricultura, a gandaría, o medio ambiente, a veterinaria e a saúde global. Reitor e conselleiro destacaron esta nova etapa como “unha oportunidade para reforzar Lugo como un polo de I+D+i neste ámbito”. No acto participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.

O convenio de 4,7 millóns de euros, que onte foi aprobado no Consello da Xunta, eleva a máis de 13,5 millóns o investimento que o Goberno galego leva feito neste Campus desde 2013. Grazas a isto, logrou a acreditación de especialización en 2021 e foi quen de renovala en 2025. Nese senso, reitor e conselleiro fixeron fincapé no traballo desenvolvido desde a Universidade de Santiago de Compostela para superar o proceso de reacreditación tras a exhaustiva avaliación dun comité externo. Tal e como explicaron, “as recomendacións feitas por ese comité externo avaliador traducímolas agora nun convenio que permitirá acadar os principais obxectivos estratéxicos do campus lucense nos próximos catro anos”. Así, destacaron que as accións incluídas no acordo, e que financiará a Xunta, “pasan por estreitar a relación coas empresas estratéxicas da contorna produtiva, potenciar a transferencia do coñecemento que se xera no Campus Terra á sociedade e promover a imaxe de Lugo como cidade universitaria”.

“O Campus Terra leva máis dunha década facendo un excelente traballo para situarse como referente na docencia e na investigación de todo o que ten que ver cos sectores primarios, importantísimos non só en Lugo, senón en toda Galicia”, sinalaron. “Da man da Facultade e do Centro de Biomedicina e Veterinaria, é un referente no coñecemento da saúde animal e, nesta etapa, vai avanzar cara a unha perspectiva de saúde global, co novo centro de investigación iTERRA”, engadiron. “En definitiva, desde a Xunta damos un novo pulo a Lugo como referente de investigación universitaria e poñemos os medios para reforzar máis aínda a actividade do Campus Terra e favorecer a súa proxección a nivel nacional e internacional como polo de coñecemento neste ámbito de especialización”, afirmou Román Rodríguez. As actuacións incluídas no convenio para o desenvolvemento da especialización do Campus Terra no período 2026/29 abranguen cinco áreas de actuación: gobernanza, docencia, investigación, transferencia e información pública e transparencia.

Gobernanza 

Neste eido, impulsarase a actualización e adaptación da estrutura de gobernanza, reforzando a conexión co tecido produtivo e a transferencia de coñecemento. Para iso, realizaranse algunhas modificacións con respecto ao período anterior. Ademais, créase unha nova comisión externa para asesorar ao Comité de Dirección do Campus Terra, a de Industrias Tractoras, co fin de reforzar a relación con empresas e industrias estratéxicas relacionadas coa ámbito de especialización. Este novo órgano virá complementar o traballo da Comisión Científica Externa, que se ampliará con persoal experto do ámbito agrario, forestal e medioambiental, garantindo o equilibrio entre investigación aplicada orientada á resolución de problemas concretos e básica, fundamental para o progreso científico a longo prazo.  En canto ás comisións internas do devandito comité, constitúese como novidade a de I+D+i e Transferencia, con competencias no ámbito da investigación, transferencia de coñecemento, emprendemento e infraestruturas tecnolóxicas, e contará con representación dos  grupos de investigación da especialización do Campus Terra, incluíndo persoal investigador novo e representante das plataformas tecnolóxicas, entre outros. Continuará funcionando tamén a Comisión de Especialización Académica, centrada na implementación desta política a nivel de grao e mestrado.

Docencia

Na dimensión de docencia, o Campus Terra focalizará os seus esforzos, en primeiro lugar, en potenciar a súa oferta docente xunto coa captación de estudantado nos vindeiros anos. Con este fin melloraranse os plans de estudo das titulacións xa existentes e analizarase a creación de novas titulacións con enfoque innovador. En segundo lugar, impulsarase a mellora da calidade docente, tanto a través de formación do profesorado como coa adquisición de novo equipamento, así como coa incorporación da colaboración de especialistas e profesionais do tecido produtivo relacionado cos ámbitos de especialización do Campus, que aportan coñecementos prácticos e experiencias reais do mercado laboral de moita utilidade. Crearase, así mesmo, un espazo colaborativo de innovación, equipado con tecnoloxías avanzadas (impresoras 3D, corte láser, aula de audiovisuais, ou dispositivos de realidade virtual, entre outros) para que estudantando e docentes experimenten con novas metodoloxías de aprendizaxe. Outras actuacións irán dirixidas a mellorar as competencias do estudantado co obxectivo de prosperar tanto na súa formación académica, como na súa empregabilidade. Neste eido, proponse a posta en marcha dun programa de mobilidade para a realización de prácticas no estranxeiro ou a introdución progresiva do inglés como formación complementaria para potenciar a proxección académica e investigadora do Campus.

Investigación

No que atinxe á investigación, un dos principais obxectivos estratéxicos é o inicio da actividade e a consolidación do centro de investigación iTERRA–Instituto de Investigación Saúde Global e Desenvolvemento Sostible, creado en xuño de 2025, para abordar os desafíos interconectados en saúde humana e animal, nutrición, produción, tecnoloxía e seguridade alimentarias e sustentabilidade ambiental. Por outra banda, apostarase por continuar impulsando a carreira científica en persoal investigador mozo, co obxectivo de afrontar o reto da renovación xeracional que se vai a presentar nos vindeiros anos, consolidando e proxectando ao exterior a  investigación de calidade levada a cabo no Campus Terra. Entre outras accións, reforzaranse os programas propios de contratos predoutorais e posdoutorais, así como de contratos ou bolsas de iniciación á investigación Xermolos. Tamén se impulsará a captación de talento investigador a través das axudas Ramón y Cajal, Oportunius e similares e estableceranse acordos con empresas que permitan á mocidade investigadora desenvolver investigacións directamente aplicables a problemas reais das empresas a través de doutoramentos industriais, entre outras iniciativas. A maiores, darase pulo á participación do Campus Terra en proxectos de financiación estranxeira mediante unha estratexia enfocada na visibilidade, a colaboración e a adecuación ás convocatorias e esixencias dos organismos internacionais, por exemplo nos programas de Horizonte Europa e do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Transferencia

No que atinxe á transferencia, as iniciativas irán encamiñadas a dinamizar as relacións estratéxicas coa contorna produtiva, social e científico-tecnolóxica para a explotación do coñecemento co fin de contribuír ao benestar económico e social. Con esta finalidade, impulsarase a formación dirixida a profesionais do sector produtivo e poranse en valor as capacidades e recursos do Campus Terra para o tecido produtivo a través da ferramenta dixital PICTerra, unha motor de busca que ofrece toda a información sobre estruturas, grupos de investigación, servizos I+D, ou teses, entre outros. Tamén se realizarán xornadas de transferencia por cada unha das liñas de especialización do Campus, en colaboración con axentes de interese e diversas entidades sectoriais e un ciclo de talleres de retos de industrias tractoras para fomentar a colaboración entre o sector académico e empresarial, impulsando a innovación e resolvendo desafíos específicos no ámbito produtivo. Por outra banda, farase fincapé na protección dos resultados de I+D, a través da propiedade industrial e intelectual, así como na súa valorización. Como complemento, crearase o Roteiro Terra de Emprendemento-Terra Emprende para favorecer esta realidade. Terá en conta as distintas fases deste proceso a través da posta en marcha de accións como a identificación de resultados de investigación con potencial transferible.

Información pública e transparencia

A área de Información pública e transparencia integra unha serie de actividades que van desde o reforzo da comunicación interna e externa do Campus Terra, ata a creación da marca ‘Lugo Cidade Universitaria’, pasando polo acceso á información de relevancia por parte do público xeral co fin de garantir a transparencia e a difusión de coñecemento. Entre outras medidas, reforzarase a imaxe do Campus en redes sociais, actualizarase a páxina web e idearase unha estratexia para promocionar o atractivo da cidade como unha cidade universitaria. Poranse en marcha, asemade, actividades en materia de igualdade como a ampliación do recoñecemento institucional aos servizos e asociacións que promovan a igualdade ou incentivar os traballos de fin de grao e de fin de mestrado con enfoque de xénero, entre outras.
 

De esquerda a dereita, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o conselleiro Román Rodríguez, o reitor Antonio López, e a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera
De esquerda a dereita, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o conselleiro Román Rodríguez, o reitor Antonio López, e a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2026.