A Facultade de Dereito organiza unha semana solidaria
A Facultade de Dereito da USC levará a cabo durante toda esta semana unha serie de accións de marcado carácter solidario que inclúen unha campaña de recollida de alimentos, información sobre cooperación internacional e unha xornada de sensibilización.
Espalladas polo centro, procedeuse á colocación de caixas para a recollida de alimentos destinados á cociña económica da cidade, á vez que se proporciona información sobre o tipo de produtos máis necesarios para atender as necesidades deste servizo compostelán.
Ademais, voluntarios de ACNUR están informando da situación dos refuxiados no mundo, especialmente en Europa, e das posibles formas de colaboración para contribuír a paliar o drama que viven as persoas que se ven obrigadas a abandonar os seus fogares por causa da guerra, da violencia ou da persecución política ou ideolóxica.
A estas campañas sumarase esta tarde, ás 19.30 horas, unha charla do director de EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social, Xosé Cuns, titulada ‘Máis pobres e máis desiguais trala crise: máis culpables?’.
As actividades desta semana ‘ Dereito Solidario’ están organizadas pola Facultade co apoio e a colaboración de todas as asociacións estudantís con representación: Asamblea de Dereito, FAD e AEGE.