Pasar al contenido principal
STG

Aberta ata o 2 de maio a inscrición no campus Xuvenciencia da USC, que se celebrará á do 27 de xuño ao 1 de xullo en Lugo

Cartaz do IV Campus de Verán Xuvenciencia 2016
Cartaz do IV Campus de Verán Xuvenciencia 2016
A inscrición neste proxecto divulgativo do Campus Terra dirixido a preuniversitarios e que inclúe 90 actividades diferentes permanece aberta na web da USC

A USC mantén aberto ata o luns 2 de maio o prazo de inscrición na cuarta edición do campus de verán Xuvenciencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación e o programa ‘A Ponte’, que se desenvolverá do 27 de xuño ao 1 de xullo de 2016 e a través do que se pretende achegar a realidade universitaria, así como a oferta de estudos, servizos e as investigacións desenvolvidas no Campus Terra da USC ao estudantado preuniversitario.

O prazo de inscrición neste programa, que amplía a 130 o número de prazas ofertadas permanecerá aberto ata o luns na páxina web www.usc.es/xuvenciencia/campus. A nova edición deste campus de verán, aberto á participación de estudantado preuniversitario de 4º de ESO e primeiro curso de Bacharelato e que se desenvolve baixo o lema ‘Aprendendo desde a experiencia’, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia que contempla máis de 90 actividades diferentes, a través das que a USC busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2016 presenta un módulo para veteranos, para o que se ofrecen un máximo de 30 prazas, ao tempo que brinda un servizo de aloxamento desde a noite do 27 de xuño ata o 1 de xullo na residencia universitaria Abeiro, onde poderán gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. Esta posibilidade, complementaria co desenvolvemento das actividades incluídas no programa do campus de verán, está pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia, tal e como se puxo de manifesto na presentación do programa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.04.2016.