Pasar al contenido principal
STG

A USC coordina un proxecto europeo para o desenvolvemento dun máster de matemática industrial en Asia central

O proxecto comezará o vindeiro luns coas primeiras xuntanzas de traballo dos integrantes, procedentes de Uzbekistán, Kazakhstan, Eslovenia e Italia

A USC coordina o proxecto europeo ECCUM (Establishment of Computing Centers and Curriculum Development in Mathematical Engineering Master program) no que participan universidades de Uzbekistán, Kazakhstan, Eslovenia e Italia, co apoio do Cesga. A finalidade do proxecto será o desenvolvemento dun máster de alcance interuniversitario na zona de Asia central inspirado na experiencia docente da USC no ámbito da enxeñaría matemática e a matemática industrial así como o despregamento dunha rede de centros de cálculo.

O proxecto iniciará a súa actividade o vindeiro luns 1 de febreiro nunha sesión ás 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas que reunirá a representantes das entidades integrantes do proxecto e que presidirá o reitor Juan Viaño. Neste acto tamén intervirán a decana da Facultade, Victoria Otero Espinar, e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido Quintana. Esta primeira xuntanza definirá a mecánica de traballo e a planificación de actividades para o primeiro ano de funcionamento, así como unha presentación e posta en común dos participantes. Na xornada do martes 2, os asistentes manterán un encontro con persoal técnico do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.01.2016.