Oito estudantes nipóns chegados a Humanidades co 'Vía Láctea' rematan a súa estadía no Campus Terra logo de dez semanas

Os oito universitarios xaponeses procedentes das universidades de Kanazawa University (Kanazawa)e Aichi Prefectural University (Nagoya) chegados á Facultade de Humanidades do campus de Lugo ao abeiro do programa europeo de cooperación Vía Láctea (Viable International Academic Links across Cultural Ties in Europe and Asia) rematan a súa estadía no Campus Terra da USC logo de 10 semanas de formación académica e desenvolvemento de actividades prácticas en empresas e institucións coa presentación dos seus respectivos proxectos finais e as súas experiencias laborais.
Os universitarios xaponeses beneficiarios do programa Vía Láctea, un proxecto de tres anos de duración (2014-2017) e no que participan, ademais das dúas institucións académicas xaponesas antes citadas, a USC e Universidade de Minho (Braga/Portugal), na que estes estudantes orientais completarán o seu periplo formativo en Europa durante outras dez semanas antes de volver a Xapón. Cinco dos oito estudantes orientais chegados á Facultade de Humanidades da USC na segunda anualidade do programa Vía Láctea completaron dúas semanas de estadías prácticas na Rede de Museos Provincial de Lugo, onde, baixo a tutela da responsable deste organismo provincial, Encarna Lago, ocupáronse de montar unha exposición titulada 'Con museos, queixo, pan e viño, percorremos o Camiño'. Os outros tres estudantes participantes desenvolveron a súas prácticas na área de Cultura do Concello de Lugo que dirixe Carmen Basadre e na que se ocuparon de realizar labores de tradución de varios folletos turísticos de Lugo ao xaponés. Con esta iniciativa cultural, o Concello de Lugo pretende dar a coñecer máis polo miúdo no Xapón os eventos festivos e culturais máis salientables que se celebran na capital luguesa. O Programa Vía Láctea, coordinado na Facultade de Humanidades da USC pola profesora JoDee Anderson, chegará ao seu remate o vindeiro curso 2016-2017, período no que está prevista a participación de tres estudantes de cada unha das catro universidades que participan neste proxecto europeo, ademais do intercambio dun docente de cada institución académica. No curso 2014-2015, o primeiro ano durante o que se desenvolveu este programa, participaron nestas estadías de intercambio tres estudantes, dous docentes e un traballador/a de administración e servizos de cada una das universidades representadas. JoDee Anderson, con tres alumnos nipóns que traduciron guías turísticas do Concello de Lugo ao xaponés