Pasar al contenido principal
STG

A revista Evohé participa da celebración do Ano Borges cun amplo monográfico sobre o “cósmico” escritor arxentino

Isabel González, Cristina Fiaño e Claudio Rodríguez Fer, na presentación do último número de Evohé
Isabel González, Cristina Fiaño e Claudio Rodríguez Fer, na presentación do último número de Evohé
Isabel González Rey, Claudio Rodríguez Fer e Cristina Fiaño presentaron este mércores o número 26 da revista cultural do campus de Lugo, que estrea novo formato

Evohé, a revista cultural do campus de Lugo, súmase no seu último número á celebración do Ano Borges no trinta aniversario do pasamento do “cósmico” escritor arxentino, segundo o definiu o tamén escritor e poeta Claudio Rodríguez Fer, coa publicación dun amplo monográfico sobre a figura e a obra de Jorge Luis Borges no seu último número, dirixido por Cristina Fiaño.

A decana a Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, María Isabel González Rey, o tamén profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer, e a alumna de Máster en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Cristina Fiaño, en calidade de directora de Evohé, presentaron este mércores o número 26 da revista cultural do campus de Lugo, unha publicación estudantil e de marcado carácter universitario que estrea novo formato nesta última entrega. O número 26 de Evhohé contén unha ampla parte monográfica dedicada ao escritor Jorge Luis Borges, unha ampla sección que se abre cun poema, por el inspirado, de Luz Pozo Garza, e que contén entrevistas a estudosos do autor arxentino (como Julio Ortega e Claudio Rodríguez Fer), ademais de aproximacións á súa obra (narrativas, artísticas, filosóficas, literarias) e de dous testemuños moi persoais: o da hispanista norteamericana Lily Litvak, quen recorda a Borges en Texas, e o do galerista arxentino Claudio Pérez Míguez, quen evoca no último número desta revista universitaria os seus encontros co escritor en Bos Aires. De xeito complementario ás achegas sobre a figura e a obra de Jorge Luis Borges, o número 26 de Evohé inclúe unha sección varia con ensaios, relatos e poemas diversos, que comeza cunha guía do tratamento non opresivo da cultura, unha achega de Carmen Blanco, e que termina cunha entrevista feita pola directora ao poeta Antonio Gamoneda. A calidade, relevancia e diversidade dos contidos compilados na última entrega de Evohé e o indubidable valor desta revista como ferramenta para a experimentación e como primeiro enlace de estudantes e titulados universitarios coa edición e publicación foron dos aspectos destacados na presentación do último número, un acto no que participaron estudantes e profesores da Facultade de Humanidades, así como algúns dos colaboradores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2016.