Psicoloxía conmemora a festividade do seu patrón
A Facultade de Psicoloxía conmemorará este venres 26 a festividade do seu patrón Juan Huarte de San Juan nunha sesión protocolaria que comezará ás 12.00 horas no Salón de Actos do centro. Intervirán o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, a decana da Facultade, Socorro Rodríguez Holguín; e a decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada. O acto inclúe a entrega de insignia aos premios extraordinarios de Grao e Máster.
O director científico do Basque Center on Cognition, Brain and Language, Manuel Carreiras, será quen imparte a conferencia da xornada co título ‘Linguaxe: bases biolóxicas e mecanismos cognitivos’. O doutor Carreiras é catedrático de investigación na Fundación Vasca pola Ciencia (Ikerbasque), catedrático honorario do University College of London e profesor visitante da Universidade do País Vasco.
A súa investigación céntrase na lectura, o lingüismo e a aprendizaxe de segundas linguas. Ten publicado máis de 200 artigos en revistas de alto impacto, ademais de ter coordinado o proxecto Consolider-Ingenio 2010 titulado Coeduca, que aglutinaba máis de 70 investigadores. Actualmente desenvolve o proxecto Bi-Literacy financiado polo European Research Council (ERC).