O Grupo de Estudos en Literatura Brasileira Contemporánea celebra na USC o seu sexto coloquio internacional
O Grupo de Estudos en Literatura Brasileira Contemporanea (Gelbc) da Universidade de Brasilia (Brasil) celebrará entre o luns 25 e o 27 de xaneiro na Facultade de Filoloxía da USC o seu sexto coloquio internacional. Este recoñecido encontro chega a Santiago logo de ter lugar na Universidade de París Sorbonne-París IV, na de Oxford, no Instituto Iberoamericano de Berlín, na Georgetown University (Washington) e na Universidade Nacional de San Martín (Bos Aires). A inauguración terá lugar ás 9.30 horas no salón de graos do centro.
O grupo coordínao a profesora Regina Dalcastagnè e está composto por membros de universidades brasileiras e estranxeiras, entre as que figura a profesora da USC Carmen Villarino. O Gelbc dita a revista Estudos de literatura brasileira contemporânea , referencia para o coñecemento do campo literario brasileiro desde hai anos.
Nesta sexta edición o coloquio busca discutir cuestións relativas ao local, o nacional e o internacional. A literatura brasileira enfróntase hoxe, por un lado, ás esixencias das novas voces sociais que presionan por un espazo no que se poidan expresar e, por outro, á internacionalización, con investimentos públicos en feiras, viaxes de escritores ao exterior e traducións. O tránsito entre estes dous polos é complicado xa que está tamén en xogo a imaxe de Brasil, de aí que xurda a necesidade de estudar a produción literaria actual desde diferentes perspectivas a través dos axentes do campo literario e tendo en conta as diferenzas e translacións entre centro e periferia.
No coloquio daranse cita especialistas de todo o mundo, que analizarán a literatura brasileira contemporánea producida a partir do ano 2000. Entre os participantes figura Michel Yakini, cofundador do Coletivo Literário Sarau Elo da Corrente, da periferia de São Paulo na que está a ter lugar unha interesante dinamización cultural a partir de movementos comunitarios que está espertando moito interese en investigadores/as de diferentes universidades que analizan o modelo para estudar a súa singularidade e relacións con outras dinámicas de periferia en grandes cidades do mundo.