A USC conmemora con numerosos actos o Día Internacional das Mulleres
A Universidade de Santiago conmemorará o Día Internacional das Mulleres con varios actos que se estenden máis aló da propia data, o 8 de marzo, cando terá lugar o acto central no que se recoñecerá o labor do Servizo de Normalización Lingüística da USC en prol da igualdade. Este acto central será o martes ás 17.00 horas no Salón Nobre de Fonseca.
Previamente, dende o luns 7 e ata o día 18 a Facultade de Química acollerá a mostra bibliográfica ‘Mulleres na química’, unha escolma dos fondos da Biblioteca da facultade que dá conta do importante papel das mulleres no pasado e no presente da investigación química.
Ademais, do 17 de marzo ao 7 de abril a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo será o centro que acubille a exposición dos Premios María Josefa Wonenburger Planells que entrega dende 2007 a Unidade de Muller e Ciencia. Unha mostra itinerante polos 7 campus universitarios galegos coa que se pretende visibilizar as contribucións feitas por estas científicas e tecnólogas galegas e así dar a coñecer entre a comunidade universitaria o seu traballo. O percorrido pecharase no Campus de Santiago no mes de xuño.