A Acsug renova a acreditación do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural que se imparte na Facultade de Humanidades

O título de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, que se imparte nas modalidades presencial e semipresencial na Facultade de Humanidades do campus Terra da USC, vén de acadar un resultado moi favorable no proceso de renovación da súa acreditación por parte da Axencia pola Calidade do Sistema Universitario Galego (Acsug).
O informe final derivado de avaliación realizada pola subcomisión da Acsug sinala a relevancia e plena actualización do perfil formativo do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. O comité avaliador valora asemade como moi positivo o esforzo realizado polo propio centro na procura do seu perfil de egreso, o que se traduce nun título novo e singular que responde axeitadamente aos parámetros do marco europeo, así como á súa continuidade no máster e no programa de doutoramento. O ditame emitido pola Acsug vén avalado polas opinións manifestadas ao respecto tanto por egresados como, tamén maioritariamente, polos empregadores. Outros aspectos destacados radican na propia implicación do profesorado, un factor eu xa evidencian as enquisas de satisfacción do alumnado, que denotan as máis altas cotas de satisfacción entre os títulos de grao da USC. O establecemento de convenios ou redes de colaboración con entidades públicas e privadas, así como con outras universidades; o desenvolvemento de diversas accións dirixidas á captación de alumnado, a mellora da información ofrecida polo centro a través da súa páxina web, que informa ao alumnado das ofertas de traballo dispoñibles; a elevada satisfacción coa docencia recibida manifestada polos alumnos ou o esforzo para adecuar as súas infraestruturas de cara a impartir docencia en modalidade semipresencial, constitúen outros dos elementos valorados pola Acsug. Os indicadores recollidos no ditame emitido pola Acsug e que implica a acreditación do título de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, reforzan e consolidan, na opinión do equipo de dirección da Facultade de Humanidades da USC, a continuidade deste título de grao dentro da oferta formativa do Sistema Universitario Galego como un itinerario formativo adaptado ás demandas sociais e profesionais no eido da xestión e difusión cultural.