Pasar al contenido principal
STG

Akademia Project busca estudantes interesados no emprendemento e a innovación

O vindeiro 4 de outubro está prevista unha presentación do programa en Santiago

A USC e a Fundación Innovación Bankinter promoven unha nova edición de Akademia Project, un curso que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. As persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores e business angels.

Para formalizar a inscrición en Akademia Project hai que enviar un currículo a youakademiausc [at] gmail.com (youakademiausc[at]gmail[dot]com) antes do 9 de outubro. Ademais, o próximo martes 4 de outubro, ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia, está prevista unha sesión de presentación para todo o alumnado interesado. O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio de Uninova.

Formación diferente
Akademia You Project é unha aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Este programa naceu hai xa 8 anos e os máis de mil estudantes que o teñen cursado en distintas universidades españolas o avalan, cunha taxa de recomendación do 94%.

A partir dun material único xerado no mellor Think Tank de Ciencia e Tecnoloxía de España, analizaranse as tendencias clave de innovación. A aprendizaxe levarase a cabo dun xeito colaborativo da man de profesionais expertos, emprendedores e business angels e, ao finalizar, os alumnos poderán ter acceso a prácticas nacionais e internacionais.

Akademia Project diríxese a estudantes de grao e posgrao de calquera titulación universitaria que participarán en doce sesións ao longo de todo o ano e que rematarán coa presentación do proxecto emprendedor ante un xurado formado por especialistas, emprendedores e potenciais inversores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2016.